Exposición 'O soño cubano da emigración galega', en Ares

Listen to this page using ReadSpeaker
455 lecturas

O sábado 22 de agosto ás 12:00 h, nas Escolas da Alianza Aresana de Ares, e co gallo da celebración da IIIª edición do Ares Indiano, inaugúrase a exposición O soño cubano da emigración galega, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e o Concello de Ares.

  • Comisariada por Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro, O soño cubano da emigración galega pretende percorrer as fases e facetas principais da epopea migratoria que levou a preto de 200.000 galegas e galegos a Cuba: abrangue desde a chegada das e dos inmigrantes ata o seu retorno, pasando polas súas asociacións, a situación da muller inmigrante, as publicacións e proxectos políticos para Galicia xurdidos en Cuba, e mais a pegada deixada polos galegos e galegas na sociedade cubana.
  • En preto de trinta paneis pódese descubrir o perfil do/a galego/a emigrante na Habana (novos, maioritariamente varóns, procedentes de sectores medios, que se integran no pequeno comercio, que chegan a Cuba a través de redes familiares e mecanismos persoais...) e coñecer o espertar dunha conciencia galega en Cuba que explica que boa parte dos símbolos da nosa identidade tiveran alí a súa raizame. Fotografías, documentos privados, materiais procedentes do asociacionismo galego ilustrarán esta mostra inédita que revisa unha destacada e potente relación histórica.
  • Ademais, permite recoñecer o mesto tecido asociativo galego dende 1871, unha esfera pública artellada por cabeceiras de prensa propias e decenas de sociedades microterritoriais ou de instrución. Nela resoarán ademais os movementos sociais e políticos desenvolvidos en Galicia desde finais do século XIX, dende o rexionalismo até o agrarismo e o nacionalismo. 

Datas da exposición: do 22 ao 30 de agosto de 2020

Máis info: consellodacultura.galwww.concellodeares.com

Exposición 'O soño cubano da emigración galega', en Ares
Evento: 
Exposición
Organiza: 
Consello da Cultura Galega
Data: 
22.08.2020
30.08.2020
Hora: 
12:00
Lugar:
Escolas da Alianza Aresana
Ares - 15624A Coruña
España