Exposición "O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021", en Madrid
Do xoves 15 de decembro de 2022 ao domingo 29 de xaneiro de 2023 pode visitarse na Casa de Galicia en Madrid, a mostra O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia.1981-2021, que repasa os feitos máis destacables das catro décadas de vida do Lexislativo galego, desde a súa constitución, o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, ata a actualidade.
A mostra permaneceu aberta ao público na sede do Lexislativo autonómico entre o 15 de decembro de 2021 e o 15 de marzo deste ano, iniciando despois un percorrido polas cidades galegas. Foi comisariada por Ramón Villares Paz, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O comisario contou coa colaboración de Miguel Ángel Seixas Seoane e Gustavo Hervella García, integrantes do Grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX); mentres que o deseño gráfico correu a cargo de Xosé Díaz Arias.
Materiais
- A exposición está integrada por 24 paneis, un vídeo divulgativo e 17 vitrinas con documentación histórica e bibliografía relacionada co proceso de configuración da autonomía de Galicia.
- Entre outros documentos, na exposición é posible contemplar a Proposta de Consello de Galiza de Castelao, datada ao redor de 1943 e cedida pola Biblioteca da Fundación Penzol, ou o mapa Gallaecia Regnum, datado en torno ao 1635 e cedido polo Museo do Pobo Galego.
- A mostra tamén incorpora obras como O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios, editada en 1948 pola colectividade galega en Arxentina e cedida polo historiador Miguel Ángel Seixas Seoane.
