Exposición ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’, en Vigo
Do 9 ao 30 de agosto, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Vigo, pode visitarse na cidade olívica a exposición José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina.
Na súa itinerancia polas catro provincias galegas, iniciada o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, a mostra chega a Vigo para seguir difundindo entre a cidadanía a obra deste destacado debuxante de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia, que desenvolveu a súa traxectoria profesional principalmente en Arxentina
Este proxecto expositivo sobre José María Cao Luaces, que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas da Arxentina, reúne unha escolma de caricaturas do artista a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo






