Exposición "Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas - Séculos XV-XVII", en Santiago de Compostela

Listen to this page using ReadSpeaker
595 lecturas

O martes 15 de xuño ás 19:45 h, na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, inaugúrase a mostra Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas - Séculos XV-XVII, organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia e a USC.

  • Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV- XVII é unha exposición producida polo Consello da Cultura Galega baixo o comisariado de Ofelia Rey Castelao na que se amosa as consecuencias que tivo para Galicia a expedición Magalhães/Elcano, que partiu hai 500 anos.

  • Deu ao vello reino galego unha oportunidade de aproveitar a súa situación nas rutas atlánticas, as vantaxes dos seus portos e a tradición dos seus mariñeiros. Os Reis Católicos descartaran Galicia como núcleo da Carreira das Indias, pero os poderosos galegos aspiraban a ter parte nese xigantesco negocio. A Casa da Especiaría da Coruña foi un soño breve, pero deu a Galicia un notable protagonismo que tamén se debe celebrar.

  • Unha trintena de paneis repasan a historia desta época da navegación galega e como esta historia foi reflectida a través do imaxinario popular que recolleron grandes autores e investigadores da literatura galega ao longo dos tempos.

  • Inventio mundi recupera a historia de grandes navegantes como Sebastián de Ocampo, que demostrou o carácter insular de Cuba; Fernando de Andrade, responsable de varias viaxes oceánicas de Galicia; Gómez Pérez das Mariñas, que navegou polo Pacífico ou Pedro Sarmiento de Gamboa, clave para entender a cartografía da época, entre outros.

Datas da exposición: do 15 de xuño ao 23 de xullo de 2021

Exposición "Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas - Séculos XV-XVII", en Santiago de Compostela
Evento: 
Exposición
Organiza: 
Consello da Cultura Galega
Data: 
15.06.2021
23.07.2021
Hora: 
19:45
Lugar:
Facultade de Xeografía e Historia da USC
Praza da Universidade, 1
Santiago de Compostela - 15703A Coruña
España