Exposición "Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra", na Cidade da Cultura de Galicia
O luns 5 de outubro inaugúrase no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura Castelao maxistral, unha homenaxe ao papel dos/as mestres/as de Galicia e ao importante labor que fixeron —nunha época (1900 -1936) de gran precariedade de medios no ensino e sen material pedagóxico— para intentar mudar esta situación e acadar unha maior alfabetización da poboación e, sobre todo, que as clases sociais máis desfavorecidas tiveran tamén acceso á educación, e en galego.
- Este proxecto expositivo —comisariado polo historiador e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane— céntrase, por unha banda, en recrear a situación do ensino en Galicia nesa época —principios do século XX ata 1936— e por outra, en pór en valor os avances que se realizaron grazas ao esforzo e implicación persoal enorme destes/as docentes para asentar as bases da educación pública tal e como hoxe a coñecemos, cunha transformación con ideas pedagóxicas renovadoras que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil.
- O eixe desta exposición é a primeira mostra en Galicia da simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Bos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936.
- Castelao maxistral recolle este testemuño e contextualiza a situación do ensino en Galicia en tempos da República e incide na importante tarefa e o grande interese de Castelao a prol dunha educación en Galicia: libre, universal e en galego, da que foi un acérrimo defensor. Precisamente, débese salientar que Castelao maxistral é o primeiro proxecto expositivo que recolle todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.
Datas da exposición: do 5 de outubro de 2018 ao 3 de marzo de 2019
Horario de visita: de martes a domingo, das 10:00 ás 20:00 h | Visitas comentadas: de martes a venres ás 17:30 h; os sábados, domingos e festivos ás 12:30 e ás 17:30 h
Entrada: de balde
Visitas educativas: a partir do 5 de outubro, dirixidas a centros educativos (máis info aquí)
Máis info: www.cidadedacultura.gal | Facebook | Twitter | Instagram