Conferencia de Miro Villar: "Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano" e presentación do nº 24 de "Madrygal. Revista de Estudios Gallegos", en Madrid

Listen to this page using ReadSpeaker
414 lecturas

O mércores 4 de maio ás 19:30 h, na Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2022, o poeta e crítico literario Miro Villar pronunciará unha conferencia dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Valdeorras, que se viu forzado a exiliarse en México tras o levantamento militar de Franco, debido ás súas ideas republicanas, a súa pertenza ao Partido Galeguista e por publicar en cabeceiras como A Nosa Terra e a revista Nós.

  • Avogado de formación, Delgado Gurriarán tocou todos os paus literarios que lle foron posibles: foi poeta, articulista, tradutor de poesía interlingüística e editor, pero sobre todo, é coñecido polo seu activismo cultural e por ser ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior.
  • Miro Villar (Cee, 1965). Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada coa tese A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo. Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e crítico literario. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e como poeta publicou Ausencias pretéritas (1992), 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999), Gameleiros (2002, co fotógrafo Manuel Álvarez), As crebas (2011; premio Concello de Carral, 2010) e Breizh (2012). Poemas seus foron traducidos ao castelán, portugués, italiano, francés, alemán, inglés, ruso, albanés e serbo-croata en Il cammino dei Santiago. A giovane poesia d'europa nel 1997. Os seus versos figuran en numerosas revistas literarias e en varias antoloxías. A súa bitácora persoal www.crebas.blogaliza.org, activa desde xuño de 2011, foi Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega ao mellor blogue literario en 2012.

Presentación do volume 24 de 'Madrygal. Revista de Estudios Gallegos'
Despois da conferencia, terá lugar á presentación do volume 24 de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos por parte de Ricardo Pichel. Esta revista, editada polo Centro de Estudos Galegos da UCM, está orientada á investigación da lingua, a literatura e a cultura galegas. Nela teñen cabida estudos de carácter literario, lingüístico ou histórico. Ademais dos artigos científicos, conta tamén con seccións de creación (poesía, narrativa e teatro), crónicas, tradución, entrevistas e recensións de libros da especialidade.

Conferencia de Miro Villar: "Florencio Delgado Gurriarán, o poeta galeguista no exilio mexicano" e presentación do nº 24 de "Madrygal. Revista de Estudios Gallegos", en Madrid
Evento: 
Día das Letras Galegas
Organiza: 
Casa de Galicia en Madrid - Delegación da Xunta de Galicia en Madrid
Data: 
04.05.2022
Hora: 
19:30
Lugar:
Casa de Galicia en Madrid
Casado del Alisal, 8
Madrid - 28014Madrid
España
Máis eventos na Axenda de GaliciaAberta: