Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas galegas retornadas na Comunidade Autónoma Galega para o ano 2015

Listen to this page using ReadSpeaker
5138 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Orde da convocatoria: 
Resolución do 27 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.
Entidade convocadora: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
06.03.2015
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto:

Promover o retorno das persoas emigrantes e dos/as seus/súas familiares a través do fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega, subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:

 1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.

 2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e fillos/as, das persoas relacionadas no punto 1 con residencia no estranxeiro, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

Requisitos

 1. Requisitos comúns.

 Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

  a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no apartado anterior.

  b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

  c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data de presentación da solicitude de axuda ao abeiro desta resolución de convocatoria.

  d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

  e) Non ter sido beneficiaria desta axuda para a mesma actividade ao abeiro de anteriores convocatorias.

  f) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

 2. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

  2.1 Traballadores/as autónomos/as ou por conta propia:

   a) Ser titular ou copartícipe dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens de nova creación.

   b) Terse dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda, no período ao que se refire o punto c) do apartado de requisitos comúns.

  2.2. Socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:

   a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

   b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período ao que se refire o punto c) do apartado de requisitos comúns.

Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os gastos de establecemento tales como gastos de notaría e rexistro, servizos de profesionais, taxas, licenzas administrativas, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pagamento para a realización de vendas online, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (calefacción, auga, electricidade, telefonía e internet), xerados ata a finalización do prazo de xustificación recollido na resolución (antes do 30 de outubro de 2015). Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta resolución os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Para estes efectos considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica

Outra documentación para descargar: Texto completo da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Lugar de presentación da documentación:

  1.  As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I da resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
  2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
30.09.2015