Obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega. Ano 2015

Listen to this page using ReadSpeaker
2386 lecturas
Información e formularios de inscrición.
Orde da convocatoria: 
RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, en colaboración coas entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.
Entidade convocadora: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
19.02.2015
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto da convocatoria:
A Secretaría Xeral da Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegas e posibilitar que as persoas galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de forma que se manteña viva a nosa identidade e se promova a nosa cultura na Galicia exterior.

Destinatarios/as:
Poderán solicitar a organización destes obradoiros as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, así como as agrupacións, federacións ou unión destas entidades, co fin de pór en común os medios e recursos dispoñibles.

  • Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan grupos ou escolas de folclore constituídas da modalidade solicitada.
  • Os obradoiros artesanais están dirixidos ás entidades que teñan un obradoiro no cal un grupo de persoas se dedique a desenvolver esas actividades.
  • Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento e teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Modalidades convocadas:

  • Obradoiros de baile.
  • Obradoiros de gaita.
  • Obradoiros de percusión.
  • Obradoiros de pandeireta e canto.
  • Obradoiros de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).
  • Obradoiros de cociña galega.
  • Seminarios de cultura galega: tradición e modernidade.

Características do programa:

  • Os obradoiros desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.
  • O profesorado será designado pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido nesta resolución e na Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración de listas de persoas formadoras colaboradoras para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para a inscrición de candidatos (DOG nº 37, do 21 de febreiro).
  • Non poderá ser designado o/a mesmo/a profesor/a para impartir máis de dous cursos continuados na mesma entidade.
  • A Secretaría Xeral da Emigración, no caso de non dispoñer de persoas formadoras nas listas e para o desenvolvemento dos obradoiros de cociña ou artesanais e de seminarios de cultura galega, poderá realizar convenios de colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia que sexan referentes nas respectivas modalidades.
  • As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata tres cursos das modalidades convocadas. Tamén poderán propor o profesorado para que imparta o correspondente curso sempre que estea incluído nas listas de persoas formadoras na modalidade solicitada.
  • Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade de maneira consecutiva nas dúas últimas convocatorias.
  • Para poder solicitar a organización destes obradoiros, deberase acreditar un ano de funcionamento ininterrompido, dentro dos tres últimos anos previos á solicitude, de grupos ou escolas da modalidade solicitada.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica

Convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Solicitudes e documentación:
Os modelos normalizados de solicitude e documentación complementaria (anexo I, anexo II, anexo III e anexo IV) poderán obterse nas paxinas web https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das entidades interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Prazo de presentación das solicitudes:
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
19.03.2015