Axudas a entidades sen ánimo de lucro para desenvolver accións de formación laboral, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral. Ano 2011.

Listen to this page using ReadSpeaker
2793 lecturas
Información para a concesión das axudas e subvencións e formularios normalizados de solicitude.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 27 de decembro 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen ánimo de lucro, para desenvolver accións de formación laboral, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral, na Comunidade Autónoma galega e se convocan para o ano 2011.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
12.01.2011
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto:

Para darlle cumprimento aos obxectivos que ten encomendados, a Secretaría Xeral da Emigración convoca unha resolución de subvencións destinadas ás entidades sen ánimo de lucro que realicen accións de formación laboral que contribúan a incrementar a participación das persoas inmigrantes e retornadas no mundo laboral, na Comunidade Autónoma galega para o ano 2011. Para que as ditas accións poidan alcanzar o obxectivo final que busca calquera itinerario integrado de inserción sociolaboral, nesta resolución dáse unha especial importancia ao compromiso de contratación adquirido. Para a determinación das accións formativas e das súas localidades de realización, a Secretaría Xeral da Emigración efectuou un proceso de consultas coas entidades -públicas e de iniciativa social-que traballan no eido da integración laboral de migrantes, co obxecto de promocionar aquelas que poidan alcanzar os resultados de inserción sociolaboral máis axeitados.

Estas accións son elixibles no marco do Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, e están encadradas no eixe 2 (Fomentar a empregabilidade, a inclusión social e a igualdade entre homes e mulleres), tema prioritario 70 (Medidas concretas para incrementar a participación dos inmigrantes no mundo laboral, reforzando así a súa integración social), do dito programa, e están cofinanciadas nun 80% polo Fondo Social Europeo. Así mesmo, as bases desta resolución recollen o disposto no Regulamento (CE) 1081/2006 (FSE), modificado polo Regulamento CE 396/2009.

Beneficiarios/as:

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias e solicitar as subvencións reguladas nesta resolución as entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade instituída por norma estatutaria o desenvolvemento de actividades de integración laboral que abarque o colectivo de persoas retornadas ou inmigrantes, así como as organizacións empresariais e profesionais que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo.

b) Ter o seu enderezo social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Dispoñer de estrutura e capacidade para garantir a realización das accións obxecto de subvención.

d) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de dereito público, as universidades, os partidos políticos, as sociedades civís e calquera entidade non citada neste artigo que non acredite non ter ánimo de lucro e desenvolver actividades de integración laboral que abarquen o colectivo de persoas retornadas e inmigrantes.

3. No suposto de que se presenten federacións, confederacións ou asociacións de entidades sen ánimo de lucro, non poderán concorrer á convocatoria as entidades que formen parte destas e quedarían excluídas.

Documentación para descargar:

-Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. e Formularios normalizados de solicitude (picar aquí para descargar)

-Correción de erros convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
12.02.2011