A Xunta reforza a atracción de talento do exterior cunha nova convocatoria das Bolsas BEME por 2,55 M€ para que 250 mozos poidan cursar mestrados en Galicia

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á novena edición das bolsas de excelencia mocidade exterior (BEME), con novas prazas para o curso 2025/26 destinadas a galegos e galegas universitarios residentes no estranxeiro.

A convocatoria para presentar as solicitudes abrirase nos próximos días.

En virtude da orde aprobada hoxe, ofertaranse máis de 90 mestrados diferentes en áreas como as Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura ou Ciencias da Saúde, seleccionadas polo seu maior potencial de empregabilidade no mercado laboral.

Desde 2017, esta iniciativa pioneira xa permitiu o retorno de 1.500 mozos e mozas cunha idade media de 29 anos, aos cales se suma outro medio millar de prazas destinadas a estudantes de formación profesional a través do programa Retorna Talento FP.

As BEME enmárcanse na aposta pola captación de talento da Estratexia Galicia Retorna, clave para acadar en 2023 por terceiro ano consecutivo datos históricos de retorno á alza, con preto de 8.500 galegos regresando á súa terra de orixe.

A Xunta reforza a atracción de talento do exterior cunha nova convocatoria das Bolsas BEME por 2,55 M€ para que 250 mozos poidan cursar mestrados en Galicia
A Xunta reforza a atracción de talento do exterior cunha nova convocatoria das Bolsas BEME por 2,55 M€ para que 250 mozos poidan cursar mestrados en Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 16 de decembro de 2024.

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á convocatoria da novena edición das bolsas de excelencia mocidade exterior (BEME) que, cun orzamento de 2,55 millóns de euros, permitirá a 250 mozos e mozas do exterior completar a súa formación académica cursando mestrados nalgunha das tres universidades públicas galegas no vindeiro curso 2025/26.

A través deste programa pioneiro da Secretaría Xeral da Emigración aprobado hoxe — unha das medidas incluídas dentro do paquete de accións da Estratexia Galicia Retorna—, a Xunta ofértalles ás persoas galegas universitarias residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización entre os máis de 90 mestrados ofertados, coa finalidade de que adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías, incorporando así perfís altamente cualificados ao tecido produtivo da Comunidade. Unha liña fundamental tanto para atender as necesidades de incorporar talento das empresas galegas en sectores absolutamente estratéxicos, como para favorecer o emprendemento por conta propia vencellado ás oportunidades que ofrece o noso territorio.

Desde 2017, e cun investimento global de 12,3 millóns de euros, esta iniciativa pioneira xa permitiu o retorno de 1.500 mozos e mozas cunha idade media de 29 anos e procedentes de 41 países diferentes, entre os cales destacan a Arxentina, Venezuela, o Uruguai, o Brasil e o Reino Unido. A estas persoas hai que sumarlles outro medio milleiro de prazas destinadas a estudantes de formación profesional a través do programa Retorna Talento FP.

A formación cualificada impulsada polo Executivo galego a través das bolsas de excelencia mocidade exterior (BEME) está sendo unha ferramenta fundamental para o retorno e a integración sociolaboral dos galegos e galegas universitarios que residen no exterior. Segundo os datos recollidos das últimas promocións, destaca o grao de permanencia na nosa comunidade —preto dun 80% quedan en Galicia—, un 60% deles con traballo e ata un 40% pensa en emprender. Así mesmo, máis dun 90% dos bolseiros recomendarían a un familiar ou amigo vivir en Galicia.

As políticas de retorno impulsadas pola Xunta no marco da Estratexia Galicia Retorna volveron constatar a súa eficacia de se atender aos recentes datos publicados polo INE. Así, na Estatística de migracións e cambios de residencia 2023 -en que Galicia marca un novo fito cun saldo migratorio positivo de máis de 25.000 persoas-, a Comunidade acada por terceiro ano consecutivo unha cifra histórica de retorno, pois un total de 8.459 galegos e descendentes regresaron para asentarse de volta na súa terra de orixe -en 2021 foron 7.743 e en 2022, 7.957-.

Detalles da convocatoria

A nova edición das bolsas BEME para mestrados, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, destínanse a mozos galegos universitarios residentes fóra de Galicia desde hai máis de dous anos, persoas que residiron en Galicia de forma continuada durante 5 anos, con nacionalidade española antes de emigrar, ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus.

Todas as persoas beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa cal se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na nosa comunidade.

Os máis de 90 mestrados incluídos na convocatoria, pertencentes ás áreas de Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura, foron seleccionados polo seu maior potencial de empregabilidade. Así, a oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo galego. A bolsa, que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos que se van realizar, cobre os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento ou manutención en Galicia.

Estratexia Galicia Retorna

As BEME englóbanse na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, a través da cal a Xunta busca seguir tecendo lazos coa emigración, fixar poboación e dar resposta a retos estruturais como a cobertura de vacantes ou a remuda xeracional. Esta folla de ruta incide no compromiso de ofrecer traballos de calidade en orixe, así como formación específica orientada ao emprego e axudas para establecerse en Galicia, garantindo acceso a vivenda, educación e asistencia sanitaria. Entre os apoios que se ofrecen destacan ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego, cuxa segunda edición se encontra actualmente en marcha cun orzamento de 2,3 millóns de euros, co obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos ata finais de 2025.

738 lecturas