A Xunta pon en valor a eficacia da formación como vía de retorno da mocidade do exterior, salientando que un 80 % dos bolseiros BEME quedan na comunidade
O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe sobre a importancia da formación cualificada para a atracción de talento ao mercado laboral galego a través das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME).
A través desta iniciativa pioneira, que xa leva beneficiado 1.500 galegos e galegas desde 2017, a Xunta ofrécelles a posibilidade de completar a súa formación universitaria en Galicia, coa conseguinte posibilidade de quedar a traballar e vivir aquí.
Os 250 participantes neste ano académico, no que se triplicaron as solicitudes recibidas con respecto á primeira edición, cursan estudos en 81 titulacións diferentes, en áreas como as ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura ou ciencias.
Trátase dunha das medidas englobadas na Estratexia Galicia Retorna, dotada con 450 millóns de euros para favorecer ata o 2026 o regreso de 30.000 galegos, incorporando o seu talento ao tecido produtivo para cubrir vacantes e afrontar o reto demográfico.
A formación cualificada impulsada polo Executivo galego a través das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) está sendo unha ferramenta estratéxica clave para o retorno e a integración sociolaboral dos galegos e galegas universitarios que residen no exterior, arredor do 80 % dos cales queda na Comunidade para integrarse no mercado de traballo ao completar os seus estudos. Así o reflicte o informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración analizado hoxe polo Consello da Xunta, onde se fai balance desta iniciativa pioneira impulsada polo Goberno galego desde 2017 en que se leva realizado un investimento total de 12,3 millóns de euros e que se engloba na aposta prioritaria da Xunta por atraer talento cualificado do exterior.
Con este programa de bolsas da Secretaría Xeral da Emigración -unha das medidas incluídas dentro do paquete de accións da Estratexia Galicia Retorna-, a Xunta oferta ás persoas galegas universitarias residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización académica de mestrado nalgunha das tres universidades públicas, coa finalidade de que amplíen a súa formación e adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías, incorporando así o seu talento ao tecido produtivo da Comunidade.
O éxito desta iniciativa, que vai xa pola súa oitava edición, reflíctese no incremento cada ano do número de solicitudes recibidas. Concretamente, para o presente curso 2024/25 rexistráronse 619 para as 250 prazas dispoñibles, triplicando así as recibidas na primeira edición. Ademais, segundo os datos recollidos das últimas promocións, destaca o grao de permanencia na Comunidade -preto dun 80 % quedan en Galicia- a maioría deles con traballo e ata un 40 % pensa en emprender. Así mesmo, máis dun 90 % dos bolseiros recomendarían a un familiar ou amigo vivir en Galicia.
Entre os indicadores que se desprenden da actual convocatoria, a maioría proceden da Arxentina, Venezuela, O Uruguai, O Brasil e O Reino Unido. Deles, 113 cursarán os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela (USC), 84 na de Vigo (UVigo) e 53 na da Coruña (UDC), nun total de 81 titulacións diferentes, en áreas como as ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura, ciencias, saúde e arte e humanidades.
Detalles da convocatoria
As bolsas BEME destínanse a galegos universitarios residentes fóra de Galicia desde hai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un dos mestrados que ofertan as tres universidades públicas galegas en calquera dos seus campus. O obxectivo é que poidan completar a súa formación universitaria en Galicia, coa conseguinte posibilidade de quedar a traballar e vivir aquí.
Todas as persoas beneficiarias destas axudas contan cunha orientación laboral coa cal se pretende non só captar o mellor talento para Galicia de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na Comunidade. Así, a oferta céntrase en estudos con maior capacidade de absorción no tecido produtivo galego para contribuír a dinamizar o mercado e atender as vacantes existentes.
A bolsa, cun importe que varía entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos que se realicen, cobre gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia. Con esta convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso co talento galego no estranxeiro coa meta de fortalecer a Comunidade galega a través da educación e da integración profesional, afrontando o reto demográfico e incrementando a competitividade de Galicia.
Estratexia Galicia Retorna
O programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior é unha das medidas englobadas na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, unha planificación dotada con 450 millóns de euros coa que o Goberno galego busca seguir tecendo lazos coa diáspora, aumentar e fixar poboación -especialmente na Galicia non urbana- e dar resposta a grandes retos do mercado laboral, como son a cobertura de vacantes.
Co obxectivo de promover o regreso de 30.000 emigrantes galegos e os seus descendentes, trátase dunha folla de ruta que incide no compromiso de ofrecer traballos en orixe de calidade, así como formación específica orientada ao emprego e axudas para establecerse en Galicia, garantindo acceso á vivenda, educación e asistencia sanitaria.
Entre os apoios que se ofrecen tamén figuran programas para fomentar o emprendemento para aqueles que consideren o autoemprego como unha vía de retorno, como o Programa de mentoría Merlo, así como acompañamento específico para os seus proxectos a través da Rede de polos.
Novas relacionadas




