As e os emigrantes retornados son prioritarios na nova orde de obradoiros de emprego aos que a Xunta destina 30,2M€
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde dos programas dirixidos ás e aos menores de 30 anos e mañá a destinada aos obradoiros duais.
Os duais contarán cun orzamento de 23,1 millóns de euros para cualificar e favorecer o acceso laboral de 1.200 persoas desempregadas.
Priorizarase ás persoas que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son, entre outros, as e os emigrantes retornados, mulleres vítimas de violencia de xénero, paradas e parados de longa duración ou persoas con discapacidade.
As e os participantes recibirán, ademais da formación, un contrato de traballo de 9 meses de duración e primaranse os programas que inclúan formación forestal, a posta en valor das rutas do Camiño de Santiago, proxectos de aldeas modelo ou os promovidos por concellos incluídos en áreas declaradas Reservas da Biosfera.
O programa de emprego para persoas mozas contará con máis de sete millóns de euros para beneficiar a preto de 300 menores de 30 anos inscritas e inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que terán un contrato laboral de 12 meses.
A Xunta convoca esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde de axudas para o desenvolvemento dos obradoiros de emprego para a edición 2021-2022. Hoxe mesmo publícase o programa dirixido ás e aos menores de 30 anos, polo que o prazo de solicitude para acceder a estes apoios ábrese a partir de mañá e pechará o 2 de marzo.
As e os emigrantes retornados forman parte dos colectivos que son prioritarios nesta orde ante as especiais dificultades de inserción no mercado laboral coas que se atopan ao seu regreso a Galicia.
Doutra banda, o DOG publicará mañá os apoios para os obradoiros duais, que se poderán pedir a partir do mércores. En global, entre as dúas iniciativas, a Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas.
Con respecto á convocatoria do programa de emprego para persoas mozas menores de 30 anos, que se publica hoxe no DOG, a Consellería de Emprego e Igualdade investirá máis de sete millóns de euros para a posta en marcha de 19 obradoiros que beneficien a preto de 300 mozos e mozas de 18 anos ou máis inscritas e en situación de beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. As e os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.
Os proxectos poderán ser promovidos por concellos, mancomunidades de concellos e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades. Estes programas tamén inclúen a posibilidade de que os alumnos e alumnas, ao remate dos obradoiros, poidan optar a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante un mínimo de seis meses a xornada completa para ocupacións nas materias impartidas na fase de formación.
Programas duais
A orde de axudas destinada ao desenvolvemento dos obradoiros duais publícase mañá no DOG. Son apoios que contan cun investimento de máis de 23,1 millóns de euros e dos que se poderán beneficiar os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas aos mesmos, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. A Administración autonómica estima poder incrementar as oportunidades laborais de 1.200 galegos e galegas que se atopen en situación de desemprego coa realización destes 62 obradoiros duais.
As persoas beneficiarias, ademais de optar a unha formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 9 meses de duración, ao tempo que desenvolverán servizos de interese xeral e social á comunidade. Ademais, ao remate dos obradoiros, os alumnos e alumnas recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, ao tempo que poderán optar a un traballo posterior en empresas da contorna onde tivo lugar o obradoiro por un período mínimo de tres meses. A Xunta, para iso, concederá incentivos á contratación.
A Consellería de Emprego e Igualdade primará os obradoiros vinculados á formación forestal; á conservación, reforma e posta en valor das rutas de peregrinación delimitadas do Camiño de Santiago; os que teñan por obxecto actuacións enmarcadas en proxectos de aldeas modelo, dirixidas á recuperación e rehabilitación arquitectónica e urbanística; e os promovidos por concellos que teñan todo ou parte do seu termo municipal incluído en áreas declaradas Reservas da Biosfera.
Con respecto ás e aos participantes nos obradoiros, priorizaranse ás persoas demandantes de emprego que teñan especiais dificultades de inserción no mercado laboral como son as persoas emigrantes retornadas; as mulleres; as mulleres vítimas de violencia de xénero; aquelas e aqueles que esgotaran as prestacións e subsidios por desemprego; paradas e parados de longa duración; maiores de 45 anos; as persoas que non teñan titulación universitaria ou de FP de grao superior; e as persoas con discapacidade.
En definitiva, os obradoiros duais e os dirixidos a menores de 30 anos son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral. O obxectivo é, en consonancia coa Axenda de Emprego, incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas para minimizar os efectos da crise sanitaria.
Novas relacionadas




