O secretario xeral visita as comunidades galegas de Alcorcón e Móstoles, e entrevístase co embaixador de Cuba
Na primeira das localidades manterá contacto cos socios e socias e coñecerá as instalacións, e na segunda visitará a exposición ‘Os adeuses’.
Co xefe da legación diplomática cubana analizará a actualidade das relacións bilaterais e as posibilidades e camiños para incrementalas.
O secretario xeral da Emigración con membros da Casa de Galicia en Alcorcón
O secretario xeral da Emigración con membros da Casa de Galicia en Alcorcón
Miranda, na exposición 'Os adeuses'
Miranda, na exposición 'Os adeuses'
Miranda, con membros do Centro Galego de Móstoles
Miranda, con membros do Centro Galego de Móstoles
'Os adeuses', a mostra fotográfica con obras de Alberto Martí, pode visitarse en Móstoles ata o 27 de setembro
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visita hoxe e mañá tres localidades da Comunidade de Madrid, empezando pola propia capital española, onde manterá un encontro institucional co embaixador de Cuba en España, Eugenio Martínez Enríquez.
Na entrevista, ambos mandatarios analizarán a actualidade das relacións bilaterais entre Galicia e Cuba, que pasan por un excelente momento trala visita do Presidente Feijóo á illa, e tralos novos pasos dados para a mellora das relacións exteriores en xeral por parte da Administración cubana.
Neste aspecto, ambas partes teñen posto de manifesto en máis dunha ocasión a satisfacción polo feito de que Galicia fose pioneira, no seu momento, en abrir camiños para a normalización das relacións exteriores entre Cuba e os países cos que historicamente mantivo as ligazóns máis relevantes. Agora que a illa intensifica as súas relacións internacionais, Galicia desexa formar parte activa no incremento das mesmas.
Alcorcón
Trala entrevista co embaixador, o secretario xeral desprazarase ata o sudoeste da Comunidade de Madrid, onde coñecerá a socias e socios, e a directiva, da Casa de Galicia en Alcorcón, que preside Miguel Fernández Arias. O responsable autonómico de Emigración tamén coñeceu as instalacións da entidade, no Centro Cultural Los Pinos.
Móstoles
Xa mañá sábado, Rodríguez Miranda acudirá a visitar aos socios e socias, e directiva, do Centro Gallego de Móstoles, onde será recibido polo membro da directiva da entidade Elías González, con quen percorrerá a exposición fotográfica ‘Os adeuses, fotografías de Alberto Martí’, unha compilación de imaxes asinadas polo fotoxornalista coruñés entre 1957 e 1963, que reflicten a partida de emigrantes galegas e galegos no século pasado cara a América.
Producida en 2011 polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega, componse de 51 imaxes en branco e negro en tamaño 40 x 40 cm. Todas elas están positivadas en papel baritado e viradas ao selenio para a súa conservación. O tamén fotógrafo José Caruncho exerceu como coordinador técnico, autor do positivado e da selección das 73 fotografías que integran o catálogo e a compilación orixinal, a maior parte delas non reveladas ata o momento da estrea da exposición hai catro anos.
As fotos retratan o éxodo galego a América desde os portos da Coruña e Vigo no século pasado. Trátase dunha serie de escenas de gran emotividade, que plasman as despedidas e os reencontros protagonizados nos peiraos galegos por xente anónima. Ademais do seu valor artístico, constitúe un importante documento da época.
Alberto Martí Vilardefrancos (A Coruña, 1922) é unha das figuras máis relevantes da fotografía galega, recoñecido pola súa condición de ‘retratista de historias humanas’. Desenvolveu o seu traballo tanto desde unha histórica tenda de fotografía da Coruña como ao longo dos máis de 50 anos nos que exerceu como reporteiro no xornal ‘La Voz de Galicia’. Ao longo da súa prolixa traxectoria, recibiu cantidade de galardóns nacionais e internacionais, entre os que destaca o Premio Nacional de Periodismo Gráfico.
Novas relacionadas



