As primeiras xornadas de empresarios organizadas en Arxentina
- O obxectivo fundamental desta primeira xuntanza é fomentar o asociacionismo empresarial entre os empresarios de orixe galega a través do desenvolvemento de roldas de negocios e talleres empresariais, consolidando as relacións entre os empresarios.
Organizadas pola Asociación de Empresarios Galegos de Arxentina e a Fundación Galicia Emigración, a importancia que cobraron fixo que fosen declaradas de interese municipal, provincial e mesmo nacional, outorgado pola Administración arxentina. O Presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Arxentina (AEGA) Osvaldo Méndez foi o encargado de inaugurar estas xornadas e dar a benvida aos 150 participantes que se deron cita neste encontro.
As mensaxes de cooperación entre países e rexións estivo presente ao longo dos dous días de xornadas. O Secretario Xeral de Emigración Manuel Luis Rodríguez indicou que «o intercambio de información e fomento das relacións comerciais e de negocios entre os empresarios galegos, residan onde residan, é un alicerce fundamental para acadar un óptimo aproveitamento do gran patrimonio que estes representan». Tamén a Delegada da Xunta en Bos Aires María Xosé Porteiro destacou a capacidade de AEGA de converterse nun «clube de empresarios» onde existe información privilexiada e contactos de primeiro nivel.
Por outra banda, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia Antonio Fontenla destacou a fortaleza das relacións comerciais que existen entre Galicia e Arxentina sendo a primeira a porta de entrada a Europa para o país suramericano. No marco destas xornadas, a entidade presidida por Fontenla e AEGA asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de proxectos comúns que sirvan como estímulo de interrelación entre o empresariado galego en Arxentina e os empresarios de Galicia.
Entre as actividades que se levaron a cabo nas dúas xornadas incluíronse dous obradoiros sobre os empresarios galegos fóra de Galicia e da importancia da rede de empresarios galegos de Arxentina.


