Agrupacións musicais galegas do exterior amenizaron o congreso
Os grupos Mafia Gallega, Gran Purismo e Ialma puxeron a nota festiva na celebración deste congreso. As tres bandas teñen un punto en común: os seus compoñentes descenden de galegos e galegas emigradas a diferentes países europeos.
IALMA
Esta asociación musical está composta por un grupo de rapazas descendentes de galegos e galegas afincados en Bélxica que mesturan a tradición musical galega con ritmos máis actuais.
Nova Era é o terceiro traballo deste grupo, composto por Nuria Aldao, Natalia Codesal, Veronica Codesal, Magali Menendez e Marisol Palomo. As máis delas son fillas de emigrantes que viviron en Bruxelas a mestura de moitas músicas diferentes -o teatro onde ensaian está no corazón do barrio africano-, incluída a galega que aprenderon de seus pais e que veñen recoller a Galicia de maneira moi frecuente. Algúns dos músicos que acompañan a Ialma pertencen tamén a Urban Trad, a formación coa que Verónica Codesal representou a Bélxica en Eurovisión no 2003.
MAFIA GALLEGA
O hip-hop corre polas veas deste grupo que conta na súa formación con dous fillos de galegos emigrantes, residentes na actualidade en Xenebra.
A cabeza desta agrupación está Francisco Fernández, un estudante de Filoloxía Hispánica e Inglesa que alterna a súa devoción polos ritmos urbanos coas visitas estivais a Vilanova de Lourenzá, de onde partiron os seus pais.
Hai uns anos crearon o portal de Mafia Gallega, que, ademais de servirlle para dar a coñecer os seus propios temas, converteuse a partir de 2005 nun medio para xuntar os artistas da diáspora e darlles visibilidade. Esta unión xa deu os seus primeiros froitos, xa que ademais de participar en varios concertos en Xenebra, tamén se constituíu un estudo discográfico baixo o nome de Faya Records.
GRAN PURISMO
Trátase dunha formación de rap liderada por Carlos Abad, fillo de emigrantes galegos en Suíza, a quen lle acompañan outros fillos da diáspora. Con tan só 13 anos comezou a facer as súas primeiras incursións no mundo do rap, escoitando a xente como KidFrost, MellowManAce ou Carlos (SensUnik).
A forte amizade con Carlos (SensUnik), tambén galego, xenerou unha colaboración chamada Dame más y más que chegou a venderse unhas 1000 veces en Suíza. No 2001 chega a coñecer a Violadores del Verso que lle invitan a pasar uns días en Zaragoza: nunha sesión grábase Suizaragoza que aparecerá en Vicios y virtudes do cuarteto zaragozano. Neste momento rematou o seu primeiro ábume con Hazhe (Cloaka/Rapsus), un experimento que dá que falar pola súa variedade musical.


