Galicia, unha comunidade e tres universidades

Universidade de Santiago de Compostela
É unha das institucións universitarias de maior tradición en Europa. Organízase en dous campus: Compostela e Lugo, que se dividen en departamentos, facultades, escolas técnicas superiores, escolas universitarias, institutos e escolas de especialización profesional.

As facultades coas que conta son: Bioloxía, Ciencias da Educación, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas, Ciencias Políticas, Dereito, Farmacia, Humanidades, Filosofía, Física, Xeografía e Historia, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Química.

A chegada do século XX trouxo á Universidade de Santiago unha nova xeración de intelectuais, futuros protagonistas de boa parte do rexurdir cultural de Galicia. Neste período, a USC experimentou un significativo aumento do seu número de alumnos, así como das carreiras ofertadas, coa conseguinte dotación de infraestruturas.

Actualmente a Universidade está a finalizar a adaptación ao EEES e oferta unha gran cantidade de títulos de Grado, Máster e Doutorado de todas as áreas de coñecemento. No ano 2009 a USC foi recoñecida polo seu proxecto Campus Vida como Campus de Excelencia Internacional polo Ministerio de Educación, distinción que a sitúa entre as 9 mellores universidades do país. Agora, o obxectivo da universidade a curto prazo é converterse nun dos 100 mellores campus biosanitarios da Unión Europea.

Universidade da Coruña
Institución pública creada en 1989. Está estruturada en varios campus: A Coruña e Ferrol.

A Universidade da Coruña imparte, entre outras, as carreiras de Bioloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Filoloxía, Ciencias da Educación, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Naval e Oceánica, Filoloxía, Arquitectura, Fisioterapia, Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos, Química e Socioloxía.

Universidade de Vigo
Os seus Campus están repartidos en tres cidades: Ourense, Pontevedra e Vigo. Neste último sitúanse as sedes administrativas principais e as facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias, Ciencias Económicas e Empresariais e Dereito. Alberga as Escolas Técnicas de Enxeñaría Industrial, Enxeñaría de Minas, Enxeñaría en Telecomunicación, Enxeñaría Técnica Industrial, Estudos Empresariais, Enfermaría, Profesorado e Relacións Laborais. No Campus de Pontevedra están as facultades de Belas Artes, Ciencias Sociais e Ciencias da Educación e as Escolas Universitarias de Enxeñaría Técnica Forestal, Fisioterapia e Enfermaría. No Campus de Ourense ofrécense estudos nas seguintes áreas: Humanidades, Ciencias, Dereito, Ciencias Empresariais e Enxeñaría Informática, entre outras.

1894 lecturas