Cursos preparatorios de lingua galega para os niveis CELGA e de extensión cultural 2011-2012

Listen to this page using ReadSpeaker
3689 lecturas
Información e formularios de inscrición para descargar
Resolución da convocatoria: 
RESOLUCIÓN conxunta do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis Celga e de extensión cultural, para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.(DOG nº 137 de 13 de xullo de 2011).
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración, Secretaría Xeral de Política Lingüística
Data de publicación: 
13.07.2011
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto da convocatoria:

Convocar cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e de extensión cultural, que se realizarán nos centros galegos do exterior e nas cidades onde exista unha importante demanda no coñecemento da lingua galega.

Os cursos convocados son os seguintes:
a) Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga e de extensión cultural, dirixidos aos centros galegos radicados fóra de Galicia interesados no coñecemento da lingua e cultura galega.

b) Galego na túa cidade. Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga, dirixidos a persoas residentes no exterior que estean interesadas no coñecemento da lingua galega.

c) Cursos en liña. Cursos preparatorios para as probas Celga nivel 1, impartidos a través da rede e convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da súa páxina web (www.xunta.es/linguagalega)

Características comúns de cursos presenciais:

a) Estes cursos van dirixidos, preferentemente, aos galegos e galegas residentes no exterior e aos seus descendentes, aínda que poderán participar tamén outras persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.

b) O número mínimo de asistentes para cada curso será de 20 persoas e o máximo de 30, agás casos excepcionais debidamente xustificados. Se durante a realización dos cursos o número de asistentes non acadase un mínimo significativo, a Secretaría Xeral da Emigración, conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, poderá acordar a cancelación do curso.

c) Os cursos terán unha duración de 75 horas.

d) A inscrición e participación nos cursos será gratuíta para todos os participantes, sen que os beneficiarios teñan que aboar cantidade ningunha por ningún concepto.

e) Estes cursos realizaranse, ordinariamente, con carácter intensivo (4/5 horas día). Non obstante, o horario das clases axustarase no posible ás necesidades dos solicitantes. O curso terá unha duración ordinaria dun mes. Excepcionalmente, poderá estenderse ata catro meses nos casos seguintes:
-Cando existan profesores de galego xa desprazados nos lugares en que se impartan.
-Cando se concedan dous ou máis cursos a entidades radicadas na mesma cidade, sempre que coincidan nas mesmas datas.

f) Os cursos terán lugar nas localidades e entidades ás cales se lles conceda mediante resolución conxunta da Secretaría Xeral da Emigración e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para o cal se terán en conta as solicitudes recibidas e a dispoñibilidade orzamentaria.

Beneficiarios/as:
Solicitantes:
-Cursos de lingua galega preparatorios para as probas CELGA e de extensión cultural. Poderán solicitar estes cursos as entidades galegas que teña recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades legalmente constituída, que teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión da cultura galega, que contribúa a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego no exterior.
As entidades ás cales se lles conceda o curso comprométense na súa solicitude a facilitar as instalacións axeitadas para a realización do curso no lugar onde se desenvolva.

-Cursos de galego na túa cidade. Poderán solicitar a súa inscrición no programa os cidadáns e cidadás galegos e galegas residentes no exterior, os seus descendentes e calquera outra persoa interesada no estudo e coñecemento da lingua galega. Os solicitantes poderán preinscribirse a través do formulario que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com
Realizaranse cursos presenciais de lingua galega naquelas cidades onde exista o número mínimo de alumnos preinscritos a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración www.galiciaaberta.com

-Cursos en liña. Poderán inscribirse persoas interesadas no coñecemento da lingua galega nas condicións previstas para a correspondente convocatoria na páxina web (www.xunta.es/linguagalega)

Documentación e lugar de presentación das solicitudes:

1. Cursos de lingua galega preparatorios para as probas Celga e de extensión cultural:

-Para entidades galegas solicitantes, agrupacións ou federacións solicitantes dos cursos de lingua galega e extensión cultural e entidades sen ánimo de lucro, a documentación necesaria será:

    a) Solicitude da entidade segundo o modelo do anexo I desta resolución.

Na solicitude da entidade deberanse indicar as datas, o lugar e os horarios do curso.

Será preceptivo que a entidade ou conxunto de entidades solicitantes designen unha persoa que coordine as xestións desta actividade coa secretaría; deberá indicar o seu nome e apelidos, número de teléfono e horario de localización.

    b) Relación nominal dos participantes preinscritos na cal constarán: apelidos e nome, idade, número do DNI ou do pasaporte e grao de ascendencia galega, se é o caso.

-As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rua Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (República Arxentina), na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai) ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Cursos de galego na túa cidade:

-O modelo de solicitude segundo o anexo II desta resolución estará á disposición de todos os interesados e interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (www.galiciaaberta.com).

-As solicitudes, unha vez impresas, deberán asinalas os ou as solicitantes e remitilas á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Basquiños, número 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña. A remisión efectuarase preferentemente mediante correo electrónico ao enderezo acción.cultural.em.sc@xunta.es ou vía fax (00 34 981/54 72 95). Tamén poderán ser presentadas na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina), na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai), ou mediante calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre os cales se atopan as oficinas de Correos.

3. Cursos en liña. Para inscribirse nestes cursos observarase o disposto na correspondente convocatoria da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web da Secretaría Xeral da Emigración (www.galiciaaberta.com) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.xunta.es/linguagalega).

 

Formularios* de inscrición, Anexos I e II (picar aquí para descargar)

*NOTA: Permite cubrir os datos directamente sobre o formulario e a continuación imprimir o documento. Non se pode gardar o documento xa que se perderán todos os cambios realizados.

Convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
31.03.2012