Centro Galicia de Bos Aires

O Centro Galicia de Bos Aires foi creado o 25 de xullo de 1979 ao fusionarse un significativo grupo de persoas dirixentes galegas e descendentes de galegas, apoiadas polas e polos asociados das catro entidades representativas, ata ese momento, das provincias galegas: os Centros Coruñés, Lucense, Orensano e Pontevedrés, cada un dos cales aglutinaba dende había décadas unha boa parte da inmigración destas orixes.
A entidade naceu coa consigna fundamental de unir aqueles esforzos propagados dentro da comunidade galega, elaborando un proxecto común de crecemento, defendendo os valores e identidade de orixe. O seu estatuto social recolle os obxectivos e alcances desta Institución, destacando a defensa da idiosincrasia galega; o ensino dos costumes e historia de España e Galicia; o cultivo do espírito da solidariedade e o traballo comunitario, como modo de evolución da sociedade, sen deixar de lado a historia e o respecto por todo o que representa a Arxentina, terra e pobo que acolleu a tantos miles de inmigrantes galegas e galegos. Este conxunto valorativo xa primaba nas sociedades que deron nacemento ao Centro Galicia de Bos Aires, pero a sinerxia da fusión deulle aínda maior vitalidade para que tivesen vixencia no presente. Realízanse actividades de transcendencia realizadas no eido social, cultural e deportivo, os tres piares nos que se sustenta a institución.









