Miranda destaca a forza da colectividade galega nos principais núcleos urbanos do mundo
O secretario xeral da Emigración e o comisario do Xacobeo 2027 visitaron a Asociación Española “La Nacional” e a Casa de Galicia en Nova York.
Na actualidade, o 13% das 240.000 persoas españolas residentes nos Estados Unidos son galegas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou hoxe a importancia que ten a colectividade galega nas principais cidades do mundo. Así o fixo nas visitas que realizou, xunto ao comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, á Asociación Española “La Nacional” e á Casa de Galicia en Nova York.
Na visita, o secretario xeral puxo de manifesto a importancia que teñen os centros como punto de unión dos galegos e galegas entre si, “e tamén co resto de españois”, en Nova York e en todo o país. Actualmente, nos Estados Unidos residen case 240.000 persoas españolas, das cales preto de 30.000 son galegos e galegas, un 13%.
La Nacional é un centro fundado no ano 1868 por un pequeno grupo de españois en Manhattan, co obxectivo principal de promover, fomentar e difundir o espírito de fraternidade e solidariedade entre españois e hispano-americanos residentes no país. É o centro máis antigo nos Estados Unidos.
Pola súa parte, a Casa de Galicia en Nova York foi fundada en 1940 co interese de velar polo bo nome de Galicia, así como de apoiar e protexer a todas as persoas asociadas e estender dita axuda a todos os con-nacentes, e tamén aos españois en xeral. Castelao foi nomeado primeiro socio honorario do centro.
Novas relacionadas






