"Dúas Beiras" en Montevideo
O sábado 21 de abril a partir das 20,00 h., na sala Valle Inclán do Centro Gallego de Montevideo, Lorena Lores representará o espectáculo Dúas Beiras, un recital de Tango e folk, no que por medio da música producese o encontro de dúas culturas, a galega e a arxentina, como froito da epopea colectiva que significou a emigración. A cantante galego-arxentina Lorena Lores interpreta nel clásicos galegos como Lela, Negra Sombra ou Alecrín, e tangos como El día que me quieras, Cambalache o Mi Buenos Aires querido, acompañada polo guitarrista Diego Alcántara.
A cantautora Lorena Lores é filla de emigrantes galegas e galegos orixinarios de O Grove (Pontevedra) e creceu dentro da colectividade galega de Bos Aires, aprendendo a amar a cultura da súa cidade natal e a dos seus proxenitores. Hoxe, é ela quen emigrou a terra dos seus pais e co seu recital Dúas Beiras convídanos a rememorar aquela época tan importante da nosa historia e a reflexionar acerca do enriquecemento que supón para a humanidade o encontro de distintas culturas, cando se vive dende o respecto e a solidariedade.






