Hostalería e agricultura, os grandes negocios

  • Os empresarios que acoderon ás xornadas en Mar del Plata viñeron de todos os sectores económicos, desde a agricultura á hostalería e prensa.

Se ben non hai un sector específico onde os galegos destaquen especialmente, existen varios negocios que os catapultaron á fama. Grandes, medianos e pequenos empresarios que se deron cita na I Xornada de Empresarios Galegos en Arxentina están presentes en todos os sectores económicos: «Dentro dos grandes temos xente que se dedica ao tema agrícola, e logo hai outros empresarios que se dedican á hostalería e á prensa», comenta o Director Xerente da Fundación Galicia Emigración Juan Carlos Pérez Santiago. 

Un claro exemplo do bo funcionamento que está a ter hoxe en día o sector hostaleiro é o caso de Andrés Castro, emigrante retornado de Brasil, que montou un negocio en Vigo de paellas a domicilio, Paellas Imperial. «Desde a Fundación Galicia Emigración fíxoselle toda a asesoría, na que tamén participou o concello de Vigo. Logo, o microcrédito concedeullo a caixa de aforros», di o seu Director Xerente. O resultado de Paellas Imperial foi tan bo que Andrés Castro acaba de patentar outro producto que seguro dará que falar: a torpizza, unha mistura entre a tortilla de patacas e a pizza italiana. 

Durante as I Xornadas de Empresarios Galegos en Arxentina, a Delegada da Xunta en bos Aires María Xosé Porteiro destacou as áreas económicas nas que Galicia está a manter un liderado importante, para que poidan aproveitarse do «mellor das dúas realidades» ás que pertencen. Porteiro referiuse así á pesca, acuicultura, servizos portuarios, industria da enerxía eólica, automoción, e con especial interese nos sectores do granito e a pedra ornamental, naval, turismo, audiovisual, textil, químicos e financeiro.

1058 lecturas