Miranda viaxa a Venezuela para renovar a colaboración coas entidades galegas na atención e o asesoramento aos galegos residentes no país suramericano

O secretario xeral da Emigración manterá cinco encontros informativos sobre as axudas para o retorno da Xunta de Galicia en diferentes cidades do país   

O responsable autonómico celebrará xuntanzas cos responsables e socios de todos os centros e asociacións que visitará na segunda viaxe do ano que realiza ao estranxeiro

Miranda viaxa a Venezuela para renovar a colaboración coas entidades galegas na atención e o asesoramento aos galegos residentes no país suramericano
Miranda viaxa a Venezuela para renovar a colaboración coas entidades galegas na atención e o asesoramento aos galegos residentes no país suramericano
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 8 de marzo de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxa hoxe cara Venezuela, onde visitará as principais entidades galegas co obxectivo de asinar os diferentes convenios de colaboración que o Goberno galego mantén en materia socioasistencial cos diferentes centros e asociacións do país. O responsable autonómico aproveitará, asimesmo, a súa estancia na república suramericana para manter distintos encontros informativos cos membros da colectividade galega sobre as diferentes liñas de axuda e incentivos para o retorno que ten en marcha a Xunta de Galicia a través dos seus departamentos.

O percorrido do responsable autonómico comezará mañá á mañá (hora venezolana) en Maracay e continuará á tarde na Hermandad Gallega de Valencia, onde ademais de asinar o protocolo de colaboración, manterá unha xuntanza cos socios e impartirá unha charla explicativa, ao igual ca na súa primeira parada. O sábado será o Centro Gallego de Maracaibo o que recibirá a visita do secretario xeral da Emigración para celebrar reunións cos socios e a directiva da entidade, así como para ofrecer información á colectividade galega na cidade venezolana.

Punto de información e asesoramento

O domingo Rodríguez Miranda trasladarase a Puerto de la Cruz, onde o Goberno galego mantén un punto de información e asesoramento para galegos residentes nesta rexión do país a través do Centro Gallego de Puerto de la Cruz. A sinatura do convenio permitirá renovar este servizo un ano máis, e dará oportunidade ao representante autonómico para reunirse tanto cos membros da entidade como cos seus responsables, e informarlles das axudas que teñen á súa disposición tanto no propio país suramericano como en Galicia, en caso de que decidan retornar.

Caracas será a última parada da viaxe institucional, e o escenario dos actos incluídos na axenda oficial do responsable da Secretaría Xeral de Emigración tanto o luns coma o martes. A semana arrancará coa rúbrica do protocolo de colaboración en materia socioasistencial do Goberno galego coa Hermandad Gallega de Venezuela e un encontro cos membros da colectividade, e continuará coa sinatura dun acordo coa Fundación España Salud (FES) e unha xuntanza de coordinación co titular da Consejería de Empleo y Seguridad Social, José Santiago Camba. Unha nova reunión informativa, a última do programa, e outra coa directiva da Hermandad Gallega porán o punto final a esta nova visita de Rodríguez Miranda ao país venezolano. 

Máis de dous millóns de euros

A Secretaría Xeral da Emigración quere dar resposta as necesidades dos galegos de Venezuela, que están a atravesar unha situación cada día máis complexa e grave. É, por iso, o país no que a Xunta de Galicia centrou os seus principais esforzos a través de investimentos tanto para residentes coma retornados que pasarán dos 1,8 millóns en 2017 a unha previsión de 2,2 en 2018; é dicir, 400.000 euros máis, o que supón un incremento do 22%. Só o ano pasado máis dun cento de galegos de Venezuela beneficiáronse dos diferentes programas cos que o Goberno galego busca manter vivos os lazos que unen Galicia co exterior, como Reencontros na Casa (49 participantes de Venezuela), Reencontros na Terra (24 beneficiarios), Conecta con Galicia (20 participantes), Campos de traballo (2 beneficiarios) e Escolas Abertas (7 beneficiarios), o que suma un total de 261.505 euros.

En materia de retorno, o 80% das axudas extraordinarias ao retorno (484.975 euros para dar resposta ás 274 solicitudes presentadas), unha cuarta parte das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para mestrados (25 de 100, 183.600 euros) e do 42% das axudas ao retorno emprendedor (21 de 54, 58.642 euros)  foron para galegos de Venezuela. Ademais, a Secretaría xeral da Emigración ten asinado convenios de colaboración con entidades coma a Federación de Venezolanos en Galicia (Fevega) para o mantemento de dúas oficinas fixas e unha itinerante que ofrecen información e asesoramento gratuítos aos emigrantes retornados. Unha delas está situada en Ourense e a outra en Vigo, e reciben unha media de 250 consultas ao mes en total. Nestas oficinas se lles facilita a documentación e a orientación axeitadas para iniciar os procedementos que lles garantan o benestar no regreso á súa terra.

As axudas extraordinarias ao emigrante retornado triplicaron a súa cifra total só no último ano dos 200.000 euros orzamentados inicialmente ata case 600.000 euros que se destinaron finalmente a través de dúas ampliacións, principalmente para atender á demanda de galegos que chegaron de Venezuela.  

A segunda colectividade máis relevante do país

Venezuela é o terceiro país con maior número de galegos. Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, na república venezola residen un total de 43.975 galegas e galegos, dos cales 28.052 (un 63,8 por cento) naceron xa na diáspora. Trátase, trala canaria, da colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.

379 lecturas