Miranda inicia unha intensa viaxe por Brasil para renovar os lazos de colaboración entre Galicia e os galegos e galegas residentes no país suramericano

O secretario xeral da Emigración asinará tres convenios socioasistenciais e un de carácter cultural con entidades de Salvador e São Paulo.

O responsable autonómico participará en varios actos de homenaxe e recoñecemento o labor de persoeiros destacados da diáspora.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha viaxe a Brasil marcada por unha intensa axenda que o levará a Salvador de Baía, São Paulo e Santos. Nas tres cidades participará en actos con diferentes representantes da colectividade galega no país suramericano, algúns dos cales se materializarán na sinatura, ademais, de novos convenios de colaboración de carácter social. A fin desta visita ao país é renovar os estreitos lazos que a Xunta de Galicia e os galegos e galegas residentes na república brasileira manteñen desde hai anos a través, entroutros departamentos da Xunta, da Secretaría Xeral da Emigración.

O responsable do departamento autonómico será recibido polo chanceler de España en Salvador de Baía, Manuel Sierra Fernández, con quen realizará unha homenaxe a un dos empresarios galegos máis destacados da diáspora galega no país, José Rosario Rodeiro. Miranda aproveitará, ademais, a súa estancia para participar noutro acto de recoñecemento ao imprescindible labor das e dos colaboradores voluntarios con distintos centros de galegos residentes no país suramericano.

Será logo de visitar o Galícia Esporte Clube, o Centro Espanhol e a Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago en Salvador, e antes de achegarse á Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao e a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, e o Centro Espanhol e a Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de Santos. 

Inicio das charlas informativas sobre as BEME
Ademais, entre as diversas actividades que ten previsto levar a cabo Miranda destaca, asemade, a inauguración da campaña informativa a través de encontros coa xuventude residente no estranxeiro sobre as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que están a piques de abrir a súa segunda convocatoria logo da súa aprobación polo Consello da Xunta o pasado xoves, e outras liñas de axuda ao retorno. A primeira charla terá lugar o venres na sede da Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago en Salvador e a seguinte, o sábado na Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de São Paulo.

O segundo país da diáspora con máis cidadás e cidadáns galegos
A importancia dos vínculos de Galicia con Brasil son innegables, xa que se trata do segundo país do mundo, só superado pola Arxentina, con máis residentes galegas e galegos. Estímase que na república federativa suramericana viven actualmente preto de 47.753 cidadás e cidadáns galegos, segundo os datos do INE a 1 de xaneiro de 2017.

580 lecturas