Benvida do secretario xeral

Benvidos á web da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia

Estimad@ internauta,

Antonio Rodríguez Miranda

Iniciamos unha nova andaina compartida, e facémolo, desta volta, en metade desta pandemia que nos ten tocado vivir. Unha situación que fai, tal vez, máis necesario ca nunca o emprego deste tipo de canles de comunicación. 

Desde aquí seguiremos en contacto, facendo Galicia todas e todos xuntos. Porque hoxe esa galeguidade da que tan orgullosos e orgullosas nos sentimos resulta, quizais, máis necesaria ca nunca.  

Un sentimento universal de ser galego ou galega que reviste unha característica común coas novas tecnoloxías: ambos transcenden os momentos temporais concretos e as fronteiras físicas para facer posible unha comunicación entre iguais nun mundo globalizado.

E é precisamente esa globalización, coas súas facilidades de comunicación e movemento, a que nos ofrece, estreando unha nova década do século XXI, un reto e unha oportunidade para o que estas liñas son un bo lugar para poñer en valor: o retorno.   

Porque se o século XX foi o século da emigración, o de centos de miles de galegas e galegos que espallaron o noso nome polo mundo, o XXI ten que ser –está sendo xa- o do retorno. 

Cada vez sodes máis as cidadás e cidadáns galegos os que decidides volver á nosa terra, os que credes en Galicia como o mellor lugar posible para construír os vosos proxectos profesionais, persoais e familiares. Unha Galicia que, con vós, e grazas a vós, está a recuperar –malia as actuais circunstancias- a súa puxanza económica e social, converténdose nun lugar cheo de oportunidades para as novas xeracións, veñan de onde veñan. Un país de acollida que non dubida de que se hoxe é o que é, débese, en gran parte a todas e todos aqueles que no seu día tivestes que marchar.
 
A nosa terra progresa e avanza, pero non esquece. Non podemos nin queremos esquecer ao máis de medio millón de galegas e galegos que vivides en máis de 140 países de todo o mundo. Non podemos nin queremos esquecer a todas esas comunidades nas que vos tedes integrado como un e unha máis. Non podemos nin queremos esquecer a vosa inmensa contribución a facer de Galicia o que hoxe é Galicia: unha terra disposta a dar a benvida a todas e todos aqueles que desexen camiñar cara adiante. 

É certo que o porvir non está garantido -hoxe menos ca nunca-, e segue a reclamar de nós una anticipación e unha loita constantes. E por iso, hoxe máis ca nunca, tamén, necesitamos a enerxía e o impulso de todos e todas. 

Se a memoria do pobo galego se escribiu, en gran medida,  co esforzo e o traballo da diáspora, estou certo que o futuro contará coa presenza de todas e todos; das e dos de aquí e das e dos de alí; dos que quedamos na Galicia territorial, dos que un día tivestes que partir, e dos que estades a volver. Se hoxe somos unha terra de oportunidades, é polo sacrificio das e dos residentes no territorio, pero tamén de quen sementou galeguidade en Bos Aires, en Xenebra ou en Lleida. E que dúbida cabe de que todas e todos xuntos o volveremos a facer, deixando atrás este tempo de incerteza que, para ben ou para mal, nos está a tocar vivir. 

Benvid@ a este casa virtual, un espazo común para @s galeg@s de todo o mundo.

Antonio Rodríguez Miranda
secretario xeral da Emigración