Valentín García achégase ao estudantado londinense de lingua, literatura e cultura galegas que cursa estudos no Vicente Cañada Blanch

O secretario xeral de Política Lingüística, de viaxe oficial no Reino Unido, visitou este mércores este centro punteiro na proxección internacional do galego desde o nivel preuniversitario.

Fíxoo logo de participar o martes no acto de homenaxe que o CEG de Oxford, integrado na Rede de centros de estudos galegos da Xunta de Galicia, lle rendeu ao tradutor e hispanista John Rutherford.

  • O secretario xeral de Política Lingüística visitou o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres
    O secretario xeral de Política Lingüística visitou o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres
  • García participou na homenaxe que o CEG de Oxford lle rendeu ao tradutor e hispanista que o fundou en 1991, John Rutherford
    García participou na homenaxe que o CEG de Oxford lle rendeu ao tradutor e hispanista que o fundou en 1991, John Rutherford
Listen to this page using ReadSpeaker
Londres, 5 de xuño de 2013.

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, visitou na mañá deste mércores o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, no marco da viaxe oficial ao Reino Unido para achegarse a centros do exterior nos que se imparte docencia da lingua, literatura e cultura propias de Galicia.

Na visita, García Gómez estivo acompañado pola directora do IE Vicente Cañada Blanch, Maribel Martínez, e mais polo profesor Xaime Varela, que imparte galego neste centro preuniversitario do exterior grazas a un convenio que vén renovándose dende o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo.

Fala Londres e as TIC na educación
O blog educativo en galego do IE Cañada Blanch, “Fala Londres”, recibiu hai uns meses o recoñecemento de “Boa práctica 2.0”, que lle outorgou ao profesor Xaime Varela o Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF), por constituír unha iniciativa garantista da incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á práctica docente con novos enfoques metodolóxicos e novas estratexias didácticas.

Nel recóllense diversas propostas de ensino e aprendizaxe con aplicacións da web 2.0 realizadas con alumnado de educación primaria, ESO e bacharelato nas que as tecnoloxías serven de apoio ao enfoque comunicativo da aula de lingua e promoven a participación e a cohesión da comunidade educativa. Ademais, informa de todas as actividades culturais relacionadas coa materia que se producen no centro e mais das novas de interese relativas a Galicia que teñen lugar en Londres.

Pódese acceder a el no enlace http://galegoenlondres.blogspot.com.es/.

Homenaxe a John Rutherford, en Oxford
Previamente, García Gómez abriu a axenda de actos institucionais no Reino Unido coa participación na homenaxe que o Centro de Estudos Galegos (CEG) de Oxford lle rendeu ao tradutor e hispanista que o fundou en 1991, John Rutherford.

Como tributo ao seu labor de difusión e de proxección internacional da lingua, cultura e literatura propias de Galicia, o devandito CEG de Oxford –un dos tres ingleses que dependen da Consellería de Cultura e Educación, en virtude dun convenio de colaboración- denominarase de aquí en diante CEG “John Rutherford”.

Ao acto asistiron, ademais do secretario xeral e do homenaxeado, o lector de lingua, literatura e cultura galegas deste CEG, Diego Pardo; a directora e o profesor de galego do IE Vicente Cañada Blanch, Maribel Martínez e Xaime Varela, respectivamente; e tres exlectores, Xelís de Toro, María García e Laura Sáez.

Ao longo da súa ampla traxectoria como embaixador internacional da lingua, literatura e cultura galegas, o tradutor e hispanista verteu ao inglés autores como Alfonso D. Rodríguez Castelao ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Rutherford é, ademais, desde o ano 2008, membro de honra da Real Academia Galega e, desde 2012, doutor honoris causa pola Universidade da Coruña.

545 lecturas