Cultura e Educación felicita ao profesor de lingua galega Xaime Varela polo recoñecemento como 'Boa práctica 2.0.' do seu blog educativo 'Fala Londres'

Xaime Varela imparte docencia de galego no Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres, un dos centros preuniversitarios de fóra de Galicia onde se oferta esta materia.

O recoñecemento “boa práTICa 2.0” premia as iniciativas que garanten a incorporación das TIC á docencia con novos enfoques metodolóxicos e novas estratexias didácticas.

O conselleiro Xesús Vázquez valora o papel do blog Fala Londres para dignificar e promover a lingua galega.

Listen to this page using ReadSpeaker

Blog "Fala Londres" del Instituto Vicente Cañada Blanch de Londres. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de felicitar no nome do departamento que dirixe ao profesor Xaime Varela, impulsor do blog Fala Londres, que foi seleccionado como “boa prácTICa 2.0” polo Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF), pertencente ao Ministerio de Educación, Cultura y Deportes. Este blog de Lingua galega do Instituto Vicente Cañada Blanch (Londres) obtén así un recoñecemento que o INTEF outorga ás iniciativas que garanten a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á práctica docente con novos enfoques metodolóxicos e novas estratexias didácticas.

Vázquez Abad valorou o uso de Fala Londres como ferramenta para incentivar a participación de toda a comunidade educativa, moi especialmente do alumnado e das familias, e para dignificar e promover entre as galegas e os galegos de Londres o aprecio e o uso da lingua galega, mostrando as súas posibilidades para tratar calquera tema e ligándoa ás tecnoloxías máis innovadoras.

O vindeiro 11 de maio, o conselleiro recibirá ao profesor e aos alumnos e alumnas que cursan galego no Cañada Blanch, no marco da visita cultural a Galicia que realizarán para complementar os seus estudos de lingua e cultura galegas, mediante o contacto directo coa lingua propia de Galicia e as actividades culturais programadas para a súa estadía.

As TIC na educación
O blog da área de Galego do Instituto Vicente Cañada Blanch recolle diversas propostas didácticas con aplicacións da web 2.0 realizadas con alumnado de educación primaria, ESO e bacharelato. Ademais, informa de todas as actividades culturais relacionadas coa materia que se producen no centro e mais das novas de interese relativas a Galicia que teñen lugar en Londres.

Deste xeito, as tecnoloxías serven de apoio ao enfoque comunicativo da aula de lingua e promoven a participación e a cohesión da comunidade educativa, na liña das propostas da Consellería de Cultura e Educación, que, no marco do Proxecto Abalar, aposta pola introdución das TIC como estratexia de renovación metodolóxica e para a implicación das familias e do alumnado.

Difusión internacional da lingua galega
O profesor Xaime Varela imparte docencia de galego no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres grazas a un convenio que vén renovándose dende o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo.

O Cañada Blanch -xunto cos sete institutos cataláns do proxecto Galauda; os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada, en Castela e León, e mais o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires- é un dos centros educativos de fóra de Galicia onde se imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios. Estes colexios e institutos permiten responder ás demandas gas e dos galegofalantes que viven no exterior e dar a coñecer o noso idioma tamén entre a poboación de orixe non galega.

812 lecturas