Xesús Vázquez Abad mantén un encontro co alumnado do Vicente Cañada Blanch de Londres, de visita de estudos en Galicia durante a semana grande das Letras Galegas

O conselleiro de Cultura e Educación recibiu esta tarde na Cidade da Cultura ao profesor Xaime Varela e a 17 estudantes de galego participantes no proxecto educativo ‘Fala Londres’, premiado este curso académico na Convocatoria de proxectos escolares da Fundación Barrié.

O instituto Vicente Cañada Blanch de Londres é un dos centros de ensino preuniversitario de fóra de Galicia onde se oferta a materia de lingua galega grazas a un convenio asinado entre o Ministerio e a Consellería de Cultura e Educación.

O conselleiro de Cultura e Educación durante a xuntanza que mantivo cos rapaces e as rapazas estudantes de galego do Instituto Cañada Blanch de Londres
O conselleiro de Cultura e Educación durante a xuntanza que mantivo cos rapaces e as rapazas estudantes de galego do Instituto Cañada Blanch de Londres
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2014.

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta tarde o encontro do conselleiro Vázquez Abad cun grupo de 17 estudantes de galego do instituto Vicente Cañada Blanch de Londres e co profesor Xaime Varela, de visita de estudos en Galicia durante esta semana grande das Letras Galegas.

O conselleiro dirixiuse a eles e elas manifestando que “froito do traballo de alumnado e de profesorado e da vosa actitude aberta e dinámica son os premios que nos últimos anos poñen en valor o labor que se realiza dende as aulas de galego do Vicente Cañada Blanch. Refírome ao recoñecemento do proxecto Fala Londres como Boa prácTICa 2.0. por parte do Instituto Nacional de Tecnologías Educativas y de Formación del Profesorado (INTEF), así como, máis recentemente, ao premio da Fundación Barrié para proxectos de centro”. Segundo expresou Vázquez Abad, “un e outro valoran o uso das novas tecnoloxías, pero, sobre todo, o xeito en que se usan: para promover a participación do alumnado, imprescindible cando de aprender lingua se trata, e de toda a comunidade galega que o rodea e que, deste xeito, apoia os seus progresos”.

‘Fala Londres’, premiado neste curso pola Fundación Barrié
Fala Londres, o proxecto creado polo profesor de galego do centro, Xaime Varela, premiado pola Fundación Barrié na modalidade de proxectos de centro da súa convocatoria de proxectos escolares, emprega as ferramentas da web 2.0 para promover a aprendizaxe do galego, a integración e a valoración do idioma propio de Galicia. Nas redes sociais e no blog do proxecto reflíctese a enorme actividade que se desenvolve no instituto londiniense Vicente Cañada Blanch arredor da área de lingua galega ao tempo que se incentiva a participación de toda a comunidade educativa e mais da comunidade galega residente na capital do Reino Unido, entre a que se fai un labor de promoción do idioma propio de Galicia.

A iniciativa do profesor Varela suma este recoñecemento ao de “Boa prácTICa 2.0.” que lle outorgou no ano 2012 o Instituto Nacional de Tecnologías educativas y de Formación del Profesorado (INTEF) por contribuír á incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación á práctica docente con novos enfoques metodolóxicos e novas estratexias didácticas.

Galego no exterior
O Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda, os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada, en Castela e León, e mais o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires–é un dos centros educativos de fóra de Galicia que imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios, no marco dun convenio de colaboración que vén renovándose desde o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo. Estes colexios responden ás demandas das e dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

722 lecturas