Miranda agradece cun acto de recoñecemento o labor das e dos colaboradores voluntarios que atenden aos maiores galegos e galegas de Salvador de Baía

O secretario xeral da Emigración participou nun sentido recoñecemento a administrativas, médicos e farmacéuticos que axudan na tramitación a atención aos beneficiarios e beneficiarias de programas da Xunta de Galicia. 

O responsable do departamento autonómico asinou un convenio coa Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago.

A axenda oficial incluíu unha visita o Centro Espanhol de Salvador e un encontro cos seus socios e socias.   

  • Miranda na charla de presentación das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME en Salvador de Baía, á que asistiron preto de 160 mozos e mozas
    Miranda na charla de presentación das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME en Salvador de Baía, á que asistiron preto de 160 mozos e mozas
  • O secretario xeral da Emigración participou tamén nun acto homenaxe co que quixo agradecer persoalmente a varias e varios dos máis estreitos colaboradores desinteresados da Xunta de Galicia
    O secretario xeral da Emigración participou tamén nun acto homenaxe co que quixo agradecer persoalmente a varias e varios dos máis estreitos colaboradores desinteresados da Xunta de Galicia
  • Encontro coas e cos maiores na Asociación Caballeros de Santiago de Salvador de Baía
    Encontro coas e cos maiores na Asociación Caballeros de Santiago de Salvador de Baía
  • Na imaxe, o secretario xeral da Emigración cos e coas integrantes do Grupo de danza de Caballeros de Santiago
    Na imaxe, o secretario xeral da Emigración cos e coas integrantes do Grupo de danza de Caballeros de Santiago
  • Sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago
    Sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago
  • Visita ao Centro Espanhol de Salvador de Baía
    Visita ao Centro Espanhol de Salvador de Baía
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continuou onte coa intensa axenda que o levou a Brasil con varios actos celebrados nas sedes do Centro Espanhol de Salvador de Baía e da Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago. Neste último asinou un convenio de colaboración que garante a continuidade do punto de información e asesoramento para todos os galegos e galegas residentes na cidade brasileira. Nel, ofrécese axuda para a tramitación de todas as liñas de axudas que tanto a Secretaría Xeral da Emigración como o resto de departamentos do Goberno galego ofrecen ás e aos emigrantes e os seus e as súas descendentes. 

O representante galego aproveitou a súa visita ás instalacións da entidade galega para manter un encontro coas e cos maiores do centro, que conta actualmente con máis de tescentas e trescentos socios galegos ou descendentes. 

Doutores, farmacéuticos e administrativos 
O responsable do departamento autonómico participou, asemade, nun acto homenaxe co que quixo agradecer persoalmente a varias e varios dos máis estreitos colaboradores desinteresados da Xunta de Galicia o labor que realizan desde hai décadas en prol das persoas maiores galegas que residen na cidade brasileira. É nas instalacións desta entidade en Rio Vermelho onde Lourdes Valencia, unha voluntaria que leva anos colaborando coa Secretaría Xeral de Emigración, presta asesoramento aos interesados en solicitar algunha das axudas individuais que concede a maiores galegas e galegos residentes en Brasil. 

Os doutores Manoel Almeida Carreiro e Manuel Morgade Cortizo Varela complementan este labor coa prestación dos seus servizos profesionais, ao igual que Valencia, de xeito completamente altruísta e gratuíto. A cuarta figura á que se dirixiu Rodríguez Miranda foi a da familia Parada Malvar, propietarios da única farmacia de galegas e galegos de Salvador de Baía e colaboradoras e colaboradores desinteresados na atención ás e aos maiores galegos residentes en Salvador.  

“Nin Galicia nin eu poderemos agradecervos nunca como merecedes todos os esforzos, a ilusión e o cariño que tedes posto con cada unha das persoas que axudastes ao longo destas últimas décadas. Non hai cartos nin agasallos para devolvervos o que tedes dado a Galicia. E non os hai porque, de todas as cousas boas que tedes regalado á nosa terra, o voso altruísmo é unha das mellores. E por iso tamén hai xa moito que Galicia é a vosa terra. Vós a fustes conquistando coa vosa entrega e a vosa bondade. Igual que a nós. Por todo iso e moitas cousas máis: grazas, grazas e grazas”, concluíu o secretario xeral da Emigración. 

Encontros informativos sobre fomento do retorno
Trala emotivo homenaxe o responsable do departamento autonómico celebrou un encontro coa xuventude residente no estranxeiro ao que asistiron preto de 160 mozos e mozas residentes na cidade brasileira que encheron o auditorio. Esta charla abriu a campaña informativa sobre as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que están a piques de abrir a súa segunda convocatoria logo da súa aprobación polo Consello da Xunta o pasado xoves, e outras liñas de axuda ao retorno que ofrece o Goberno galego, tanto no eido educativo coma no laboral, empresarial e o da investigación, entre outros moitos.  

Reunión con persoas asociadas do Centro Espanhol
Previamente á axenda que o levou á sede da Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago o secretario xeral da Emigración realizou unha visita Centro Espanhol de Santos, en cuxas instalacións mantivo unha xuntanza cos socios e socias. Durante o encontro, as e os membros desta entidade expuxeron ao mandatario galego as súas proxeccións e obxectivos de cara a este ano, e fixeron balance da súa actividade durante 2017.

As xuntanzas explicativas continuarán ao longo do día de hoxe na Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao de São Paulo, onde Rodríguez Miranda inaugurará a chegada da exposición “Paisaxes de Galicia” á cidade brasileira. A continuación dirixirase á sede da Sociedade Beneficente Rosalía de Castro de São Paulo, coa que asinará un convenio de colaboración socioasistencial. Pouco despois presidirá a renovación dun novo convenio coa Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro de Santos e participará na celebración do 123 aniversario do e o Centro Espanhol de Santos, acto co que o secretario xeral da Emigración porá punto final á súa primeira viaxe internacional do ano.

600 lecturas