Cultura e Educación aposta polo programa de promoción do galego en Castela e León, que achega a lingua propia de Galicia a preto de 1.000 estudantes

O secretario xeral de Política Lingüística recibiu este luns no albergue xuvenil As Sinas, de Vilanova de Arousa, a un grupo de 140 rapaces participantes neste programa e ao seu profesorado, que visitan Galicia para complementar os seus estudos de lingua e cultura galegas.

Listen to this page using ReadSpeaker
18 de abril de 2012.

Valentín García recibiu á delegación castelá-leonesa. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia vén de promover unha estadía en Galicia de dous días de duración ás e aos estudantes participantes no Programa de promoción do galego nos territorios da Comunidade Autónoma de Castela e León en que se fala galego, que se desenvolve ao abeiro do protocolo de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiu a delegación castelá-leonesa no albergue xuvenil As Sinas (Vilagarcía de Arousa), onde tivo a oportunidade de interesarse polas principais iniciativas que se están a desenvolver nos 18 centros educativos dependentes da Junta de Castilla y León adscritos a este proxecto, posto en marcha no curso escolar 2001/02 e en virtude do cal uns e unhas 1.000 estudantes aprenden galego.

Valentín García transmitiulles ao profesorado e ás rapazas e rapaces o importante papel que xogan eles mesmos na promoción exterior do uso do galego e na continuidade e conservación da fala fóra das fronteiras de Galicia. Do mesmo xeito, expresou a vontade da Consellería de Cultura e Educación de seguir apoiando e incluso ampliando esta iniciativa a outros centros de ensino que se sumen aos 14 centros de secundaria e 4 de primaria que actualmente contan alí co galego como lingua vehicular do ensino.

Estadía cultural como complemento educativo
Grazas a esta estadía, que incluíu diferentes actividades culturais co obxectivo de favorecer o contacto directo do alumnado coa lingua galega e de complementar os seus coñecementos de lingua e de cultura galegas, 140 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos e 10 dos profesores e profesoras que imparten docencia nos centros educativos adscritos ao Programa chegaron onte a Galicia, onde botarán dous días participando en diferentes iniciativas culturais que lles permitirán poñer en práctica a competencia lingüística adquirida e achegarse en primeira persoa á cultura galega.

A aprendizaxe do galego en Castela e León
A través do Programa de promoción do galego en Castela e León posto en marcha hai xa once cursos, o alumnado dos centros participantes opta, se así o desexan, a recibir docencia -na área de Descubrimento físico e social e na de Identidade e autonomía persoal, na etapa de infantil; na de Coñecemento do medio natural, social e cultural e na de Educación artística, en primaria; e na de Ciencias sociais, xeografía e historia, en secundaria- co galego como lingua vehicular.

Ao estudantado que finaliza o Programa de ensino en galego na ESO e en bacharelato recoñécenselle os niveis oficiais de Certificación do coñecemento en lingua galega (Celga) 2 e 3, respectivamente, o cal lles supón a estes participantes unha vantaxe de cara á súa traxectoria profesional e laboral, tanto mediante a competencia en lingua galega como a través das posibilidades que o galego lles ofrece como ferramenta de comunicación cos países de fala lusobrasileira.


O galego estremeiro
Malia que o galego é a lingua propia de Galicia, o seu uso esténdese máis alá das fronteiras administrativas da comunidade autónoma. Baixo a denominación de “galego estremeiro” faise referencia ao galego falado historicamente en territorios da antiga Gallaecia, entre os que se atopan provincias que hoxe non pertencen á comunidade galega.

Na actualidade, Aranga, Barxas, Benuza, Borrés, Cacabelos, Camponaraya, Candín, Carracedelo, Carucedo, Corullón, Fabeiro, Oencia, Peranzais, Ponte de Domingo Flórez, Ponferrada, Priaranza, Sobrado, Sobradelo, Toural dos Vados, Trabadelo, Valboa, Veiga de Espiñareda, Veiga de Valcarce, Viladecais, Vilafranca do Bierzo, As Pías, Lubián, Hermisende e Peñalba de la Pradería son os concellos de Castela e León nos que se conserva a lingua galega.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, desenvolve o seu compromiso de apoiar e promover a lingua galega nestes territorios, no marco do cumprimento dos obxectivos establecidos polo Plan xeral de normalización da lingua galega no sector Proxección exterior da lingua.

1403 lecturas