A Consellería de Cultura e Educación aposta pola promoción exterior da lingua galega no continente americano no marco do encontro Festlatino 2012

O secretario xeral de Política Lingüística participou neste seminario, que se celebrou este martes en Santiago baixo o título ‘As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional’.

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad conta con 37 Centros de Estudos Galegos, nos que están en marcha 29 lectorados en 15 países de Europa e América.

Listen to this page using ReadSpeaker

Xunta de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou o pasado martes no Encontro Festlatino 2012, un seminario no que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, apostou pola promoción exterior da lingua galega no continente americano. Un labor fundamental que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén desenvolvendo a través dos 37 Centros de Estudos Galegos, nos que funcionan os 29 lectorados que ten a Consellería en 15 países de Europa e América.

Na súa intervención na mesa redonda As institucións galegas e a proxección internacional da cultura galega, o secretario xeral de Política Lingüística salientou a importancia da difusión da nosa lingua no exterior, “unha actividade tan importante á que os Estados de linguas coma o francés, o portugués e mesmo o inglés lles dedican moitos recursos a través de institucións creadas ad hoc”. Valentín García fixo ademais un breve percorrido pola abondosa presenza do galego nos países latinoamericanos ao longo da historia, motivada fundamentalmente polo papel levado a cabo desde a emigración galega.

Galego no exterior
Neste sentido explicou que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver un importante traballo neste eido, a través do labor das persoas que desempeñan a súa tarefa profesional nos centros de estudos galegos e lectorados en universidades do continente europeo e americano. Respecto de América, o secretario xeral de Política Lingüística explicou que o galego está presente no centro de estudos galegos de Nova York (EEUU), no de Chile e en ata catro centros do Brasil -na Universidade Federal Fluminense (Niteroi), na Universidade do Estado do Río de Xaneiro, na Universidade Federal de Bahia (en Salvador de Bahia) e na Universidade de São Paulo-.

Así mesmo, a lingua galega está a ser difundida por Europa grazas ao labor de centros en 10 países, nomeadamente dos nove centros que hai España, cinco en Alemaña, un en Croacia, un en Finlandia, un en Francia, un en Hungría, un en Irlanda, un en Rusia, dous en Italia, dous en Polonia, tres en Portugal e tres no Reino Unido.

Deste xeito, Valentín García reafirmou o compromiso da Consellería cun ámbito, o da promoción exterior, no que as administracións veñen traballando desde o primeiro momento no que se emprendeu o proceso de normalización do galego.

Movemento Festlatino
O encontro celebrado hoxe en Santiago de Compostela é froito da colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Movimento Festlatino, e coa coordinación de Henrique Monteagudo (Consello da Cultura Galega) e Humberto França (Movimento Festlatino).

Baixo o título As linguas e culturas peninsulares e a súa proxección internacional, neste seminario participaron representantes de institucións vencelladas á proxección exterior das culturas da Península Ibérica e á promoción do diálogo intercultural, tales como o Instituto Ramón Llull, o Instituto Camões ou o Instituto Cervantes, xunto con persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e universitario galego.

O encontro enmárcase no Movimento Festlatino, un movemento cultural, literario e educacional que ten como obxectivo fomentar o diálogo cultural entre os países e as zonas de linguas e culturas neolatinas de Europa, África, América e Asia; e que ten como presidente de honra ao Dr. Mário Soares, ex-Presidente da República Portuguesa. Dirixido por un consello formado por vinte e seis personalidades do mundo da cultura e linguas de doce países, o movemento está coordinado por Humberto França.

546 lecturas