O prazo de solicitude do programa Escolas Abertas remata este martes, 12 de marzo

Este programa desenvolverase en Galicia do 6 ao 16 de xullo e ten como obxectivo dar formación especializada ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, confección de traxes tradicionais ou cociña galega.

Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América.

O programa desenvolverase en Galicia do 6 ao 16 de xullo
O programa desenvolverase en Galicia do 6 ao 16 de xullo
Escolas Abertas 2024
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024.

O prazo de solicitudes do programa Escolas Abertas remata mañá, 12 de marzo.

Este programa, dirixido ás entidades galegas do exterior, permitirá dar formación especializada ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, de confección de traxes tradicionais galegos ou cociña galega. 

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización destes cursos e do custo da estadía, así como das viaxes de ida e volta das persoas participantes ou o material didáctico.

O prazo de presentación de solicitudes, dun mes, nesta ocasión abre a posibilidade de participar neste programa a un total de oitenta docentes galegas e galegos residentes no exterior, dos que 20 procederán dos diferentes países de Europa, e outros 60, do resto do mundo. 

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e a estadía de profesoras e profesores que imparten clases en diferentes entidades galegas do exterior, que transmitirán a súa experiencia propia a moitas e moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

Mellora de habilidades
As alumnas e alumnos deste programa son, así, á súa vez, formadoras e formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega deste xeito ás e aos cidadáns da Galicia do exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos docentes participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

Desde a Secretaría Xeral da Emigración recordan “a importancia que a difusión da cultura galega ten tanto para a Administración galega como para os propios galegos residentes no exterior, agrupados en moitos casos en entidades cuxo principal obxectivo é manter nutridas e sas as raíces dos emigrantes e os seus descendentes coa súa terra de orixe”.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, confección de traxe tradicional galego, cociña galega e formación de persoal directivo das entidades galegas.

145 lecturas