Aberto o prazo de solicitudes para a inscrición no programa de difusión da cultura galega “Escolas Abertas”

O programa permite a milleiros de alumnos de todo o mundo recibir formación especializada en gaita, baile, percusión, canto e confección a través dos docentes que participan no programa

Son máis dun milleiro os galegos residentes no estranxeiro que asistiron aos obradoiros de actualización de coñecementos e experiencias en disciplinas relacionadas coa cultura galega

Este ano beneficiaranse desta proposta da Secretaría Xeral da Emigración oitenta profesores de entidades do exterior

Foto da clausura da edición de Escolas Abertas en Ourense, en 2016.
Foto da clausura da edición de Escolas Abertas en Ourense, en 2016.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 23 de marzo de 2018.

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se regula e convoca o programa de Escolas Abertas, co que o Goberno galego pretende facilitar o acceso á cultura galega aos galegos de todo o mundo a través actividades presenciais destinadas a docentes das comunidades galegas de fóra da Galicia territorial, para o ano 2018.

O prazo de presentación de solicitudes, de corenta días, rematará o 23 de abril, e nesta ocasión abre a posibilidade de participar neste programa a un total de oitenta docentes galegos residentes no exterior, dos que 18 procederán dos diferentes países de Europa, e outros 62, do resto do mundo.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e a estadía de profesores que imparten clases en diferentes entidades galegas do exterior, que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

Mellora de habilidades

As e os alumnos deste programa son, así, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega deste xeito aos cidadáns da Galicia do exterior. Coa instrución e mellora de habilidades dos docentes participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, aproveitou a nova convocatoria deste programa para salientar “a importancia que a difusión da cultura galega ten tanto para a Administración galega como para os propios galegos residentes no exterior, agrupados en moitos casos en entidades cuxo principal obxectivo é manter nutridas a e sas as raíces dos emigrantes e os seus descendentes coa súa terra de orixe”.

Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa máis dun milleiro de persoas, cada unha das cales transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.

Gaita, canto popular, percusión ou traxe galego

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2018 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego. Ademais, ofrécese un obradoiro de formación de persoal directivo, das que o 70% das prazas quedarán reservadas, de haber solicitudes dabondo, para mulleres. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido pola Secretaría Xeral da Emigración para a convocatoria destes cursos.

Trátase dunha formación intensiva e de carácter participativo dirixida a docentes cunha duración mínima de 50 horas lectivas que conxugan teoría e práctica. É impartida, ademais, por profesionais e expertos con experiencia nas distintas modalidades, e terá lugar en Ourense, como vén sendo habitual, no mes de xullo.

1439 lecturas