Emigración reforzará os proxectos de formación e creará foros para emprendedores no exterior

O Secretario Xeral de emigración, Santiago Camba, recoñeceu na mocidade da emigración "un valor indiscutible de Galicia no exterior" Foi no transcurso da clausura das Escolas Abertas 2009.

Listen to this page using ReadSpeaker
22 de xullo de 2009.

Un centenar de mozos de galeguidade participaron durante dez xornadas de cursos intensivos de actividades lúdico, socioculturais e de carácter informativo integrándose ao tempo na vida da Galicia actual .

O secretario xeral de emigración, Santiago Camba, clausurou nas instalacións do Monte do Gozo compostelán os cursos programados no marco das Escolas abertas presenciais 2009 dirixidas a mozos galegos ou descendentes de galegos residentes no exterior.

Camba recoñeceu o "esforzo, o interese e o espírito ávido" dos máis de cen alumnos participantes e anunciou o "reforzo das políticas destinadas á formación, a través do mantemento de bolsas de estudos universitarios, potenciando as dirixidas á formación profesional e creando foros que dean cabida ás iniciativas dos emprendedores" da galeguidade. Así mesmo, o responsable de emigración apuntaba, ante máis dun centenar de mozos que "a proxección da mocidade do exterior será, tanto máis positiva, canto máis firme sexa a formación que, coma emprendedores, recibades".

O secretario xeral, no transcurso da súa intervención, animou aos rapaces a ser "axentes activos da realidade, participando dela" e recordou, neste senso, o papel relevante que desempeñan hoxe en día as novas tecnoloxías como "factor fundamental no plantexamento de calquera actividade de proxección cultural, social ou económica". "Baixo este prisma", continuaba, a Secretaría da Emigración creou o primeiro portal web destinado a interrelacionar ás comunidades galegas espalladas polo mundo - Galicia aberta- "unha ferramenta en continuo crecemento á que prestaremos máxima atención tanto en contidos de valor coma na dotación de novas posibilidades para os seus usuarios".

"Usos e costumes galegos"
O programa Escolas abertas ten como principal obxectivo a promoción e fomento da cultura galega no exterior ao tempo que os seus participantes se integran na vida da Galicia actual. Así logo, ademais das clases que se impartiron en horario de mañá e tarde, cada grupo de alumnos realizou visitas fóra das aulas a fin de completar a súa formación.

 En total 118 alumnos residentes en distintos puntos de España, Europa e América conviviron durante dez xornadas e participaron nun total de catro modalidades de cursos de formación: canto popular e percusión, gaita tradicional galega -nivel intermedio e avanzado- e asociacionismo e información xuvenil.

1911 lecturas