Chegan as persoas participantes nos cursos presenciais do programa ‘Escolas Abertas 2013’ de Emigración, que espallan Galicia por todo o mundo

As alumnas e alumnos son nesta ocasión noventa cidadáns e cidadás residentes no exterior, que accederán a formación en diversas especialidades, para despois divulgala nas súas áreas de residencia habitual.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013.

Os e as participantes nos cursos presenciais do programa “Escolas Abertas 2013” da Secretaría Xeral da Emigración comezaron esta mañá a chegar a Galicia, e mañá, mércores, comezarán os obradoiros de formación de carácter presencial previstos nesta iniciativa, dirixida tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadás e cidadáns individuais residentes no estranxeiro.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros e outras nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

Efecto multiplicador
Así, segundo os cálculos do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, a formación que a través das persoas participantes nas distintas edicións anuais de Escolas Abertas espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo, pois ata o momento formáronse directamente nas distintas edicións do programa case 600 persoas.

O número de persoas beneficiarias na edición deste ano acada as 90, das que 34 proceden de Arxentina, 11 de Uruguai, 10 de Cuba, 7 de Venezuela, 6 de Brasil, 7 doutros países americanos, 7 doutros países europeos distintos de España, e 8 doutras comunidades autónomas españolas distintas de Galicia.

Os cursos
Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2013 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.

Cómpre salientar que se trata de disciplinas que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos. Tamén cabe destacar que este ano, e en resposta a esta mesma demanda, incluíuse por primeira vez o curso de confección de traxe tradicional galego.

En calquera caso, ademais dos coñecementos técnicos de cadanseu curso, o obxectivo que persegue a iniciativa de Emigración é que, mediante a súa experiencia persoal, as e os participantes adquiran tamén unha perspectiva real da Galicia actual e moderna, e así poidan transmitila en todos aqueles múltiplos puntos do planeta onde está sementada a Galeguidade a través dos centros e casas de Galicia.

1385 lecturas