Comeza en Ourense o programa ‘Escolas Abertas’ dirixido a formadores das distintas Comunidades Galegas do mundo

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, inaugurou a edición deste ano

Trátase dunha iniciativa pola que o seu alumnado mellora a súa capacitación, grazas á formación especializada en distintas áreas, para espallar a cultura galega entre as segundas xeracións da diáspora

  • Comeza en Ourense o programa ‘Escolas Abertas’ dirixido a formadores das distintas Comunidades Galegas do mundo
    Comeza en Ourense o programa ‘Escolas Abertas’ dirixido a formadores das distintas Comunidades Galegas do mundo
  • Comeza en Ourense o programa ‘Escolas Abertas’ dirixido a formadores das distintas Comunidades Galegas do mundo
    Comeza en Ourense o programa ‘Escolas Abertas’ dirixido a formadores das distintas Comunidades Galegas do mundo
Listen to this page using ReadSpeaker
Ourense, 14 de xullo de 2017.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Ramón Brigos Fernández, inauguraron esta mañá no Centro Residencial Docente de Ourense a edición de 2017 do programa ‘Escolas Abertas’, desenvolvido pola Secretaría Xeral da Emigración e destinado ás comunidades galegas, e ás persoas galegas e residentes fóra da Galicia territorial.

Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de individuos que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Díaz Mouteira subliñou que ao abeiro desta iniciativa “a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva aos seus participantes, a gran maioría deles galegos de segundas xeracións residentes no Exterior”.

As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así aos cidadáns da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.

Así, e segundo a delegada territorial, “a formación, a través dos participantes en Escolas Abertas, espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo”.

Cómpre salientar que esta ‘formación de formadores’ permite que se fortalezan e redobren os vencellos con Galicia das segundas xeracións (cidadáns galegos xa nados no Exterior), que arestora conforman xa máis do setenta por cento da diáspora, e que supoñen un activo e unha avantaxe comparativa de primeira orde na expansión internacional de Galicia.

 

Embaixadores da cultura galega’

Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 1.000 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases. Marisol Díaz indicou que “a través destes embaixadores da cultura galega conseguimos chegar a calquera curruncho do mundo”.

Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2017 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda por parte das entidades galegas no Exterior, criterio básico seguido polo departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda para a convocatoria destes cursos.

3530 lecturas