Axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario. Ano 2013

Listen to this page using ReadSpeaker
2477 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Resolución da convocatoria: 
RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de emerxencia social e para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
15.03.2013
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto e finalidade das axudas:

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración para atender casos sobrevidos de emerxencia social, sanitaria, asistencial ou que teñen por finalidade sufragar os custos de emisión de billetes para a realización de viaxes motivadas por causas sociais, asistenciais, humanitarias ou similares cuxa atención corresponda ao ámbito de competencias propias deste centro directivo. Estas bases inclúense no anexo I e van dirixidas aos galegos e galegas emigrantes e aos seus e as súas descendentes que se atopen en grave risco de exclusión ou necesidade. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013

Beneficiarios/as:
a) Cidadáns e cidadás de orixe galega e nacionalidade española que sexan emigrantes residentes no exterior, e os seus descendentes ata o primeiro grao por consanguinidade, empadroados nalgún concello de Galicia que, por mor de razóns de emerxencia social, sanitaria, asistencial ou humanitaria, segundo se especifica nestas bases, teñan necesidade urxente de afrontar unha situación desta índole, ou deban desprazarse a Galicia ou ao resto do Estado para iso. A forma de acreditar a condición de emigrante sinálase no artigo 7 destas bases.
b) Cidadáns galegos e galegas residentes en Galicia que sexan familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de emigrantes galegos naturais de Galicia residentes no exterior, que teñan que desprazarse necesariamente xunto a estes emigrantes por mor de razóns extraordinarias de carácter asistencial, sanitario ou humanitario, segundo se especifica nestas bases.
Excepcionalmente, para o caso en que as persoas a que se refire a letra a) deste artigo, non poidan valerse por si mesmas para a realización da viaxe, poderá ser tamén beneficiario/a destas axudas un/unha acompañante.

Requisitos dos/as beneficiarios/as:
a) Ter rendas, ingresos ou patrimonio insuficiente.
b) Acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da solicitude que, pola súa gravidade, requiran unha urxente atención ou ter a necesidade de realizar a viaxe para a que se solicita a axuda por mor destas razóns.

Solicitudes e documentación a presentar:
Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas páxinas web:
https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse no prazo que se indiquen na correspondente resolución de convocatoria.

2. A solicitude de subvención será presentada segundo o modelo normalizado recollido no anexo II desta convocatoria de axudas. No caso de que os solicitantes sexan menores de idade ou incapacitados, asinará a solicitude o pai, a nai ou o titor daquel.
A solicitude irá acompañada da documentación que a seguir se relaciona, en orixinal ou copia compulsada:

a) Documentos acreditativos da identidade e nacionalidade española: Os solicitantes que estean en posesión de NIF poderán prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe por medio de acceso electrónico a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que conste na propia solicitude. Para o caso de que non presten este consentimento, deberán presentar fotocopia do NIF e para aqueles solicitantes que non estean en posesión de NIF, deberán presentar fotocopia do pasaporte.
b) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que acredite a residencia no exterior e a nacionalidade española. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.
c) Documentos acreditativos da orixe galega. A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Ser nado en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fora en Galicia cun mínimo de dous anos continuados.
2. Atoparse vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ou residentes ausentes e ser descendente ata o primeiro ou segundo grao de consanguinidade, segundo os casos, dunha das persoas descritas no parágrafo anterior.

d) Os seguintes documentos acreditativos da situación económica tanto da persoa beneficiaria da axuda como, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento:

1. Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada do interesado e/ou os membros da unidade económica familiar e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento.
No caso de que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar ou non estivesen obrigados a realizala, xustificación desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e os membros da unidade económica familiar e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento, ou de non percibirse, declaración responsable do solicitante e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento de que ningún membro da unidade económica familiar, incluído o interesado, percibe ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza, segundo o modelo do anexo VI para o solicitante ou do anexo X para o acompañante.
2. Certificado catastral ou documentación similar en que conste o valor patrimonial dos bens inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar do solicitante e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento.
De non existir no país de residencia a posibilidade de expedición do devandito certificado catastral, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles de que dispoñan os membros da unidade económica familiar do solicitante e, se é o caso, do acompañante e da familia de acollemento.

e) Documentos xustificativos do estado de necesidade que fundamente a solicitude de axuda, emitidos por un organismo oficial ou por organismo de ampla traxectoria no eido asistencial ou no campo sanitario. Así mesmo, consideraranse válidos os certificados emitidos por profesionais destes ámbitos visados polos correspondentes colexios oficiais.
f) Para a realización no Estado español de prestacións sanitarias, acreditación da súa cobertura pola Seguridade Social ou polo centro sanitario onde tal prestación se vaia realizar. Igualmente, para o caso de acollemento familiar ou asistencial, acreditación por parte da familia ou centro de acollida de facerse cargo da persoa beneficiaria da axuda.
g) Para o caso de necesitar da asistencia dun acompañante, certificados expedidos por organismos oficiais, acreditativos do grao de discapacidade e da necesidade de asistencia dunha terceira persoa durante a viaxe. Non terán que presentar esta documentación cando o solicitante autorice a Secretaría Xeral da Emigración verificar o dato do grao de discapacidade, sempre e cando fose recoñecido pola Xunta de Galicia, e marcando o recadro que figura no anexo II.
h) Declaración expresa sobre o conxunto de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou entes públicos ou privados segundo o modelo do anexo IV para o solicitante ou do anexo VIII para o acompañante.
i) Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia que impiden obter a condición de beneficiario das subvencións reguladas por esta lei, segundo o modelo do anexo V para o solicitante ou do anexo IX para o acompañante.
j) Declaración responsable, asinada polo beneficiario da axuda, de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o modelo do anexo VII para o solicitante ou do anexo XI para o acompañante. Isto en aplicación do artigo 48 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, en relación co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
k) Calquera outra documentación que a Secretaría Xeral da Emigración considere necesaria ou conveniente para ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

3. Para o caso de que o/a solicitante da axuda teña necesariamente que viaxar cun/cunha acompañante, este/a deberá de cubrir tamén a correspondente solicitude segundo o modelo do anexo III da resolución desta convocatoria de axudas e presentar a documentación e declaracións que se especifican nas letras c), g), h) i) e letra j) do punto anterior e copia do seu NIF ou pasaporte.

Lugar de presentación da documentación:
1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e a Orde do 15 de setembro de 2011, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es
A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.
2. Igualmente, as solicitudes poderán presentarse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.


FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES: Picar aquí para acceder á sede electrónica

Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
30.11.2013