Vindicación. Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba

Vindicación. Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba

Obra da colección Clásicos da Emigración editada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, unha escolma de libros que desfrutan da consideración de ser obras clásicas para o coñecemento e análise da emigración galega nas súas diversas épocas, destinos e facetas e que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías. A publicación facsimilar acompáñase de cadansúa introdución e estudo crítico, neste caso de Xosé Henrique Costas González.

Pepe de Xan Baña foi un xalleiro emigrante en Cuba. Seminarista, restaurador, articulista, polemista, rapsodo popular, amigo de Curros Enríquez, mestre e persoa implicada no decorrer das institucións galegas da Habana. Os seus contos e poemas popularizáronse de tal maneira que aínda seguen vivos na memoria das e dos maiores de Xallas, Soneira e Bergantiños.

Xan Baña escribiu numerosos artigos en prensa e dous libros: Vindicación. Vida y milagros de Pepe de Xan Baña en 30 años de Cuba (1921) e Suspiros da terriña (1922). Vindicación é un libro que consta de dúas partes: a primeira é un conxunto de prosas en castelán que teñen como eixe central a figura de Curros e as tensas relacións entre os dirixentes das sociedades galegas.

A segunda, subtitulada Vida e milagros de Pepe de Xan Baña, é un monllo de poemas escritos para seren lidos entre as e os seus paisanos de Santa Comba. Son poemas saudosos e retranqueiros que constitúen un canto ás súas orixes, á súa terra, á súa toponimia, ás e aos seus paisanos e a seus pais, ademáis dalgún poema en defensa da galeguidade ou de tipo relixioso. O libro remata cun apéndice de retratos de dirixentes das sociedades galegas. Esta segunda parte de Vindicación está escrita nun vizoso galego dialectal da Terra de Xallas, cunha admirable riqueza léxica e fraseolóxica e certas concesións a castelanismos e vulgarismos populares e, tamén, a algúns dialectalismos veciños, todos eles trazos típicos do galego da época.

ISBN: 
978-84-17802-31-8
Autor: 
José Baña Pose
Ano publicación: 
2021
Idioma: 
Galego
Comentario: 
Edición facsimilar
391 lecturas