O vindeiro 6 de febreiro abrirase a exposición "Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia"

Realizada polo Consello da Cultura Galega, conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.

Estará aberta ao público do 6 de febreiro ao 28 de xuño no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) de Santiago de Compostela.

'Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia'
"Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2013.

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega vén traballando desde os seus inicios, en 1992, na recuperación e posta en valor da memoria e dos importantes legados dos emigrantes galegos e galegas. Moi logo prestou atención ás accións solidarias e exemplarmente altruístas de aqueles e aquelas que financiaron, implementaron, custearon e sostiveron as construcións escolares, retribuíndo a Galicia coas remesas propiciadoras da escolarización e da instrución. Un caso único o de Galicia, por certo, na historia das colectividades de emigrantes.

Para a realización destes e doutros proxectos de recuperación, ordenación e estudo do patrimonio legado polos nosos e as nosas emigrantes contou, e conta, o Consello da Cultura Galega coa colaboración e axuda da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Esta parcería fixo posible, entre outros proxectos, a catalogación das construcións escolares financiadas polos e polas emigrantes nas catro provincias galegas e, tamén, a exposición que agora se vai presentar.

Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia vén a subliñar, dunha parte, a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e, doutra, as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia das e dos emigrantes.

 

Fonte: Consello da Cultura Galega

1392 lecturas