O saldo migratorio de Galicia seguiu a ser positivo en 2021 en 14.448 persoas

A Estatística de Variacións Residenciais (EVR) do Instituto Nacional de Estadística destaca que o ano pasado retornaron do estranxeiro a Galicia 5.381 persoas.

Cabe destacar que os datos da poboación máis nova son tamén positivas, acadándose un saldo de 4.342 persoas, chegando a Galicia máis mozos e mozas dos que saíron.

O Instituto Nacional de Estadística (INE) publicou hoxe a Estatística de Variacións Residenciais en 2021
O Instituto Nacional de Estadística (INE) publicou hoxe a Estatística de Variacións Residenciais en 2021
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022.

A Estatística de Variacións Residenciais (EVR), publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE), confirman a tendencia do saldo migratorio de Galicia, que presenta en 2021 un signo positivo de 14.448 persoas. 

Os datos do ano pasado demostran que, durante o segundo ano da covid-19, no que se mantiveron certas restricións de mobilidade, recuperouse o retorno, pasando de 3.842 en 2020 a 5.381 persoas de nacionalidade española que entraron na comunidade autónoma. 

Segundo a estatística realizada polo INE e recollida polo Instituto Galego de Estatística, os datos de 2021 para Galicia mostran que aumentaron as saídas cara a outras comunidades autónomas, pero aumentando tamén as entradas, co que o saldo migratorio con respecto ao resto de España foi de 3.251 persoas. 

Segundo a nacionalidade das e dos individuos, nos movementos co resto de España aumentan as entradas en Galicia de españois e españolas nun 5,2%, mentres diminúen nun 10,1% a de estranxeiras e estranxeiros. 

En relación aos movementos co estranxeiro, no 2021 aumentaron en relación ao ano anterior ao permitirse máis a mobilidade, pero o saldo seguiu, pese a todo, a ser positivo, chegando a superar ás 11.000 persoas. 

En canto á poboación máis nova, cómpre destacar que nas variacións residenciais das e dos que teñen entre 16 e 34 anos en 2012 deuse un saldo positivo de 4.342 persoas, chegando a Galicia máis mozos e mozas dos que saíron.

Deste xeito, segundo estes datos,  o retorno segue a avanzar en cifras prepandémicas, preto das que se recolleron en anos anteriores á Covid.

417 lecturas