Miranda recibe á Asociación de Amigos da Cultura Celta e compromete a súa asistencia ao encontro de San Amaro

  • Miranda, con de Blas e Pardo, durante a reunión celebrada no despacho do primeiro en Compostela
    Miranda, con de Blas e Pardo, durante a reunión celebrada no despacho do primeiro en Compostela
  • Miranda, con de Blas e Pardo, durante a reunión celebrada no despacho do primeiro en Compostela
    Miranda, con de Blas e Pardo, durante a reunión celebrada no despacho do primeiro en Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda,  recibiu no seu despacho a Carlos de Blas e José Luis Pardo, representantes da Asociación Amigos da Cultura Celta, que invitaron ao alto cargo autonómico a formar parte do seu X Encontro, que terá lugar este próximo mércores en San Amaro (Ourense) e que nesta ocasión leva por epígrafe ‘Cultura castrexa e celtas atlánticos’.

Miranda aceptou a invitación e comprometeu a súa asistencia ao evento, gabando “a oportunidade que supón de dar a importancia que merece a un dos feitos históricos máis relevantes e senlleiros da historia e cultura galegas”, e gabou o traballo deste tipo de entidades “que nos fan coñecer con maior precisión o noso pasado e, por tanto, axudan a coñecernos mellor”.

Neste X Encontro terá lugar unha interpretación histórica, por parte da arqueóloga Montserrat Adalid, dos restos do castro no que se realizará o evento, e tamén unha mesa redonda sobre o debate en torno aos conceptos de cultura castrexa e os celtas atlánticos, na que participarán o investigador do CSIC Xosé Lois Armada, o arqueólogo Ángel Concheiro, o historiador Ladislao Castro e o lingüista Joaquín Gorrochategui.

De seguido, celebrarase o acto solemne de outorgamento de distincións honoríficas a investigadores e investigadoras e outras persoas relacionadas coa divulgación da cultura celta, e finalmente algúns das e dos participantes gozarán dun xantar de confraternidade e posterior visita ao mosteiro de Oseira.

1034 lecturas