Miranda intensifica o contacto co Galícia Esporte Clube de Salvador de Bahía, que celebra este ano o seu 85 aniversario, na procura de posibles vías de colaboración

O secretario xeral da Emigración reuniuse co presidente da entidade, cuxo primeiro equipo aspira a volver liderar o Campionato Baiano de fútbol. 

O secretario xeral da Emigración reuniuse co presidente da entidade, cuxo primeiro equipo aspira a volver a liderar o Campionato Baiano de fútbol
O secretario xeral da Emigración reuniuse co presidente da entidade, cuxo primeiro equipo aspira a volver a liderar o Campionato Baiano de fútbol
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá unha reunión co presidente do Galícia Esporte Clube, Manolo Muíños, no que será o primeiro dunha serie de contactos que se intensificarán ao longo deste ano, no que a entidade deportiva de Salvador de Bahía celebra o seu 85 aniversario. 

O responsable autonómico e o deportivo estudaron durante a xuntanza, que se celebrou na sede da Secretaría Xeral da Emigración, posibles vías de colaboración entre o Goberno galego e a sociedade brasileira, que logo de catorce anos logrou regresar á elite do fútbol baiano tras conquistar o título do Campionato Baiano de Futebol en 2013.

Unha sociedade fundada por emigrantes galegos 
O Galícia Esporte Clube foi fundado o 1 de xaneiro de 1933 por emigrantes galegos e co paso dos anos tense convertido nun dos máis tradicionais clubes baianos, historicamente ligado á colonia española de Salvador, ata erixirse no primeiro tricampión baiano de fútbol. Por el pasaron algúns dos xogadores máis representativos da selección de fútbol brasileira, como o ex xogador do Barça Marinho Peres (que disputou o Mundial de 1974), Toninho (o Mundial de 1978), Washington César Santos ou o dianteiro Oseas.

Actualmente a entidade deportiva ocupa o oitavo posto do ránking baiano de fútbol, liga na que se atopa inscrito o seu primeiro equipo.  

542 lecturas