Miranda centra a primeira parte da súa viaxe a Venezuela a intensificar na coordinación entre as administracións españolas e galegas no país suramericano

O secretario xeral da Emigración mantivo encontros co director xeral de Migraciones e os responsables da Embaixada de España en Caracas.

De la Campa e o responsable autonómico ofrecerán esta tarde unha xornada informativa sobre as medidas de fomento do retorno postas en marcha polos Gobernos español e galego.

O secretario xeral da Emigración mantivo encontros co director xeral de Migraciones e os responsables da Embaixada de España en Caracas
O secretario xeral da Emigración mantivo encontros co director xeral de Migraciones e os responsables da Embaixada de España en Caracas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, centrou a primeira parte da viaxe que iniciou onte en Venezuela na coordinación que as Administracións españolas e galegas están a levar a cabo no país suramericano e que se están a intensificar nos derradeiros meses. Así o sinalou o responsable autonómico logo de reunirse, xunto ao director xeral de Migraciones do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, Ildefonso de la Campa Montenegro, onte á noite co embaixador de España en Venezuela, Jesús Silva Fernández, e esta mesma mañá co consejero de Empleo e Seguridad Social, Santiago Camba Bouzas.

Ambas xuntanzas responden a unha necesidade urxente de actualizar de xeito permanente tanto a situación do país como a da colectividade española, e máis concretamente a galega, que reside nel. A complicada situación económica e social que atravesa a república require dunha atención especial aos labores de información e asesoramento aos galegos e ás galegas que viven en Venezuela, tanto á hora de optar ás axudas do Goberno español e o galego, como á de plantexarse o seu retorno á comunidade galega.

Información e documentación para o retorno
A coordinación entre a Secretaría Xeral da Emigración, a Dirección General de Migraciones e a Embaixada de España é fundamental, principalmente no eido da orientación e seguimento das cidadás e os cidadáns galegos que queren regresar á súa terra de orixe, por canto é a Consejería de Empleo y Seguridad Social a responsable, dentro da estrutura da Embaixada, non só das axudas sociais e de apoio ás entidades españolas no país, senón tamén de tramitar a documentación de contido laboral que máis tarde deberán presentar en España para regularizar a súa situación e lograr a súa inserción social e laboral unha vez cheguen a Galicia.

O encontro co embaixador de España en Venezuela foi, ademais, o primeiro que o secretario xeral da Emigración mantén co diplomático tralo seu regreso ao país suramericano logo de ser chamado a consultas polo Goberno español. Durante a reunión, Miranda puxo ao corrente ao máximo representante da legación española en Caracas das actuacións que a Xunta de Galicia está a levar a cabo na república venezolana.

Sesión informativa
Miranda e De la Campa continuarán esta tarde os seu programa oficial de actos coa asistencia á reunión do consello de administración da Fundación España Salud (FES) e, a continuación, impartirán unha xornada informativa sobre as medidas de fomento do retorno postas en marcha por ambas Adminstracións.

613 lecturas