Mensaxe de condolencia do Consello de Comunidades Galegas polo falecemento de Amarelo de Castro

O acordo da Comisión Delegada do máximo órgano de representación da diáspora destaca “a súa determinación de facer dos galegos un pobo universal e da súa vida exemplo de servizo público”, entre outros aspectos.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2017.

A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación da diáspora galega en todo o mundo entre plenarios do Consello, vén de facer público o seu pesar polo falecemento do que fora secretario xeral para as relacións coas Comunidades Galegas, Fernando Amarelo de Castro.

Na nota, a Comisión Delegada expresa a súa fonda dor por esta perda e afirma que “os galegos do Exterior choran e lembran a súa amable e paciente presenza”, ao tempo que gaban “a súa determinación de facer dos galegos un pobo universal e da súa vida exemplo de servizo público”.

Igualmente, destaca que coa morte de Amarelo de Castro, “a Galicia exterior perde a un dos seus protagonistas máis destacados e ao gran impulsor da permanencia indisoluble dos lazos institucionais, culturais e sociais entre os galegos da diáspora e a Galicia territorial”.

A nota oficial de pésame da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas súmase a moitas outras similares que, de maneira persoal e tamén, institucional teñen feito chegar á familia e persoas achegadas moitas das comunidades galegas espalladas por todo o planeta.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, en canto tivo coñecemento da infausta noticia, redactou en carta aberta unha mensaxe de condolencia oficial na que, entre outros aspectos, gababa que “o seu ímprobo traballo foi peza fundadora e fundamental para o recoñecemento oficial da relevancia das Comunidades galegas no Exterior no pasado, presente e futuro da nosa terra”.

1580 lecturas