Feijóo viaxará a Cuba no segundo semestre deste ano coa prioridade de reforzar o apoio aos 38.000 galegos e galegas afincados nese país e afondar en vínculos económicos

Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2013.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ten previsto realizar unha viaxe a Cuba no segundo semestre deste ano 2013, nunha visita que terá como prioridade reforzar o apoio aos galegos e galegas que residen nese país, así como afondar nos vínculos económicos entre Galicia e a illa cubana.

O obxectivo principal de Feijóo será visitar aos 38.000 galegas e galegos que residen en Cuba para coñecer de primeira man a súa situación e as súas demandas, de forma que a Xunta poida dar continuidade á permanente defensa dos intereses sociais e asistenciais da colectividade galega na illa cubana.

Neste senso, o presidente galego tentará fomentar a unión entre as entidades galegas radicadas na illa, un proceso que xa ten materializado a colectividade galega afincada en Cataluña e que, ademais de en Cuba, tamén prevén levar a cabo neste ano 2013 centros de emigrantes en Alemaña, Venezuela ou Arxentina.

Por outro lado, Feijóo aproveitará a viaxe para manter encontros institucionais e comerciais, de cara a intensificar os lazos entre Galicia e Cuba.

De xeito concreto, buscará estudar e mellorar as relacións económicas da Comunidade con ese país, inmerso nun proceso de reformas que ofrece oportunidades de exportación e posibilidades de investimento en sectores estratéxicos galegos, como a agricultura, a gandería, a pesca, as enerxías renovables, a construción pública ou a automoción.

Ao longo dos próximos meses, concretarase a axenda do presidente en Cuba, que se pechará en coordinación co Goberno central para que sexa acorde cos obxectivos de política exterior do Executivo estatal.

De feito, Núñez Feijóo xa lle transmitiu ao ministro de Asuntos Exteriores e de Cooperación, José Manuel García Margallo, a súa intención de realizar neste ano unha visita a Cuba, a primeira que realizará dende que foi elixido Presidente da Xunta en 2009. A viaxe dará continuidade á estratexia de acción exterior de Galicia en Cuba, que iniciou en 1991 o ex presidente da Xunta Manuel Fraga, o primeiro mandatario galego en realizar unha visita a ese país.

1043 lecturas