Feijóo e o embaixador de Cuba manteñen unha reunión preparatoria da viaxe que o presidente da Xunta realizará á illa no segundo semestre do ano

O mandatario galego e o responsable da legación estudaron avances no deseño da axenda de Feijóo para a súa próxima visita a Cuba.

Ademais do encontro coa colectividade galega residente na illa, será unha prioridade a busca de novas vías para a proxección internacional da economía galega.

  • O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co embaixador de Cuba en España. Foto: Conchi Paz
    O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co embaixador de Cuba en España. Foto: Conchi Paz
  • O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co embaixador de Cuba en España. Foto: Conchi Paz
    O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co embaixador de Cuba en España. Foto: Conchi Paz
  • O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co embaixador de Cuba en España. Foto: Conchi Paz
    O presidente da Xunta, no encontro que mantivo co embaixador de Cuba en España. Foto: Conchi Paz
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2013.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o embaixador de Cuba en España, Alejandro González Galiano, mantiveron este xoves unha xuntanza preparatoria da viaxe que o presidente galego realizará á illa cubana no segundo semestre do ano. Durante o encontro, no que avanzaron no deseño da axenda do mandatario galego para a súa próxima visita ao país caribeño, tamén estiveron presentes o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Tal e como confirmaron na reunión, a viaxe do mandatario autonómico á illa centrarase en dous bloques fundamentais. O primeiro deles, será visitar aos galegos e ás galegas que residen na illa, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa situación e as súas demandas, de forma que a Xunta poida dar continuidade á permanente defensa dos intereses sociais e asistenciais da colectividade galega en Cuba.

A segunda liña na que se centrará a viaxe de Feijóo á illa será a axenda económica e empresarial, tentando buscar novas oportunidades económicas para Galicia en Cuba: estudarase o fortalecemento das relacións económicas da comunidade galega con este país, que ofrece oportunidades de exportación e posibilidades de investimento en sectores estratéxicos de Galicia, como a agricultura, a gandería, a pesca, as enerxías renovables, a construción pública ou a automoción.

Encontro cos clusters
Na reunión mantida entre o presidente da Xunta e o embaixador de Cuba en España, tamén abordaron a xuntanza que o responsable diplomático e o seu conselleiro comercial manterán esta tarde, na sede do Instituto Galego de Promoción Económica, con persoal directivo dos principais clusters de Galicia. Un encontro no que tamén participarán o director do Igape, Javier Aguilera, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. A finalidade é estudar as posibilidades de atopar novas vías de exportación á illa cubana de produtos e servizos por parte das empresas e emprendedoras e emprendedores galegos dos sectores aos que representan estes clusters. Unha iniciativa que se enmarca na estratexia do Goberno galego por potenciar os clusters como pancas para a dinamización da economía galega e como plataformas para impulsar a internacionalización do tecido empresarial da comunidade.

Galegos e galegas en Cuba
Segundo os datos do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro), no ano 2012 residían en Cuba un total de 27.172 cidadáns e cidadás galegas, o que supón un 6,10 por cento da diáspora global no estranxeiro. Este dato configura a Cuba como o sexto país fóra da Unión Europea con maior número de galegas e galegos, e cunha media de idade bastante máis avanzada que noutros casos, polo que a prioridade da Xunta foi, desde o primeiro momento, atender as necesidades da colectividade galega residente na illa.

Tal e como ten sinalado a Embaixada de España en Cuba, a comunidade autónoma galega é a administración que máis esforzo ten realizado, e segue a realizar, en favor dos seus cidadáns e cidadás residentes na illa.

A viaxe do presidente da Xunta a Cuba dará continuidade á estratexia de acción exterior de Galicia na illa caribeña, que iniciou no ano 1991 o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, o primeiro mandatario galego en realizar unha visita a este país.

1115 lecturas