A Casa de Galicia en Madrid conmemora o centenario do nacemento de Cunqueiro coa disertación da profesora Monserrat Mera sobre o ilustre “fabulador” de Mondoñedo “cuxas palabras non perderon vixencia”

“A pesar do tempo que transcorreu desde a súa publicación, a maior parte das columnas xornalísticas de Cunqueiro seguen sendo actuais” asegurou Mera.

A conferenciante tivo a oportunidade de pronunciar este verán un relatorio en Harvard sobre o xornalismo de Cunqueiro e confesa que lle sorprendeu que os seus textos e a súa visión do mundo “resultasen tan interesante a persoas que, na súa maioría descoñecían a súa obra”,dixo.

Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 13 de setembro de 2011.

A Casa de Galicia en Madrid acolleu onte a conferencia Álvaro Cunqueiro e o Xornalismo, que pronunciou a profesora lucense Monserrat Mera Fernández, especialista no autor galego. Con este acto, a Casa de Galicia únese á conmemoración do centenario do seu nacemento, que se cumprirá o próximo 22 decembro, “na moi nobre vila de Mondoñedo” como lle gustaba dicir ao insigne escritor.

O delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega López destacou na presentación a importancia deste día “tanto pola confereciante como pola personaxe tratada. Mondoñedo e Cunqueiro son palabras máxicas repletas de soños e silencios. Ónega recordou as palabras de Cela para definilo, “ese fermoso anaco de terra no que presumen de facer dos silencios a súa festa perpetua, vila desde a que ou mundo vese amodo” e por iso “a Cunqueiro hai que lelo amodo, sen présa, saboreando o seu estilo, a forma, o que conta...”.

A relatora, Monserrat Mera, fixo un repaso pola biografía de Cunqueiro, que ilustrou con diversas imaxes, algunhas inéditas como a do carné de prensa que puido localizar grazas ás investigacións realizadas e que publicou en numerosos artigos, libros e colaboracións.

Cunqueiro herdou da súa nai o amor pola lectura e do seu pai, boticario, a súa admiración pola natureza. Estudou Filosofía en Santiago “aínda que do mesmo xeito que no Instituto se pasou máis horas na biblioteca que nas aulas”, explicou Mera. Pese a que era un fabulador nato, tamén se sentía xornalista, “unha relación amor-odio que expresou en múltiples ocasións”.

“A maior achega de Cunqueiro ao xornalismo é "O envés", unha columna que publicou durante vinte anos en Faro de Vigo, para paliar os efectos negativos do xornalismo e na que recorre ao antiperiodismo e dá noticia da cara oculta das noticias”.

“A pesar do tempo que transcorreu desde a súa publicación, a maior parte das columnas xornalísticas de Cunqueiro seguen sendo actuais, seguen tendo vixencia. Algunhas ata poderían publicarse hoxe mesmo sen problemas; só habería que cambiar o quen e o cando (en ocasións o onde)”, dixo Mera e leu varios retrincos de artigos que así o confirman.

Como curiosidade, Mera comentou que “este verán estiven nunha estancia investigadora en Harvard e tiven a oportunidade de dar unha charla alí sobre o xornalismo de Cunqueiro e sorprendeume que os seus textos e a súa visión do mundo resultasen tan interesantes a persoas que, na súa maioría, descoñecían a súa obra”.

Pechou o acto o director, tras un breve coloquio no que se comparou aspectos de Cunqueiro con García Márquez. Por alusións interveu a escritora Marta Rivera da Cruz –especialista en G. Márquez- para recordar que, efectivamente, “Márquez tiña unha avoa galega, na súa obra citou a Cunqueiro e ambos tiñan en común unha gran influencia da tradición oral”. A idea final, coa que todo o mundo estivo de acordo pronunciouna Ónega: “no centenario do nacemento de Cunqueiro é unha estupenda desculpa para volver lelo e é a mellor homenaxe que podemos redirlle”.

1118 lecturas