Amigos de Galicia envía un furgón a un asilo da Habana

Na Quinta Santovenia residen un total de 360 persoas, das que case medio cento son de orixe galega.

Listen to this page using ReadSpeaker

A furgoneta é unha Citroën de oito prazas que substituirá outro vehículo que fora doado en 1997Situado en El Cerro (La Habana-Cuba) encóntrase o Asilo Santovenia, unha institución que conta na actualidade con cincocentas persoas residentes, 360 internas, das cales 48 son galegas. Da súa atención ocúpanse as Hermanitas de los Ancianos Desamparados, a mesma orde que xestiona en Santiago o Asilo de San Marcos.

Precisamente ata San Marcos desprazáronse o presidente e o director xeral da Fundación Amigos de Galicia, Luis Rial e Jesús Busto, respectivamente. O obxectivo era facer unha entrega simbólica do furgón que a entidade enviará o próximo 15 de febreiro dende o porto de Vigo á capital cubana. Acompañounos no acto Rosario Fraga, representando a quen fora presidente de honra da Fundación Amigos de Galicia, Manuel Fraga, implicado persoalmente nas axudas que a entidade brinda a Cuba.

A furgoneta é unha Citroën de oito prazas que substituirá outro vehículo que fora doado en 1997. Para o pagamento dos gastos de envío, Amigos de Galicia conta coa colaboración do Arcebispado de Santiago e das Hermanitas do Asilo de San Marcos. A madre superiora, sor Inés, e a secretaria, sor María, agradeceron en nome das súas compañeiras de Cuba o apoio prestado pola fundación.

A Quinta Santovenia sitúase na Calzada del Cerro e foi doada mediante testamento por un crioulo de Bejucal, Susana Benítez de Parejo, á congregación Hermanitas de los Ancianos Desamparados no ano 1885. A institución conta co apoio do Estado cubano, particularmente do Ministerio de Salud Pública e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e os gobernos autonómicos de Asturias e Canarias.

No ano 1998, o asilo cubano creou o comedor Betania, no que se presta servizo a persoas que non residen no centro. Tamén contan cun sistema para ir a buscar ás súas casas a anciáns e anciás que, doutro xeito, non poderían chegar ao recinto, de aí a importancia do medio de transporte. Na quinta ofrécenlles a comida, aseo, roupa e atención médica especializada. Tamén atenden a aqueles e aquelas que non poden desprazarse dende os seus domicilios, brindándolles alimentos e atención hospitalaria na cidade.

983 lecturas