Axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e a os seus familiares para o exercicio 2010

Listen to this page using ReadSpeaker
1834 lecturas
A Secretaría Xeral da Emigración convoca axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares para o exercicio 2010.
Estado: 
Procedemento pechado

O obxecto é a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos/ás emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Nome do programa: Axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e os seus familiares para o exercicio 2010.

Destinatarios: Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas:

a) Os/as cidadáns/ás españois que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volveron Galicia sempre que, antes de emigrar, tiveran a súa última veciñanza administrativa en Galicia e así estivese acreditado no correspondente consulado de España, así como os emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volveron á Comunidade Autónoma.

b) Os familiares das persoas indicadas na alínea anterior unidos a estes por matrimonio ou que sexan parella de feito, parentesco por afinidade en primeiro grao, ou por adopción e parentes consanguíneos de ata o segundo grao, así como os viúvos/as ou orfos/as deses emigrantes.

Os/as anteditos/as beneficiarios/as deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Requisitos dos/as beneficiarios/as:

  • Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de 3 anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  • Ter traballado no exterior durante un período mínimo de 1 ano. Quedarán eximidos deste requisito:
    • As persoas que teñan 65 anos ou máis na data de publicación desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano 2010.
    • Os/as solicitantes que teñan recoñecida unha discapacidade por un organismo público oficial español nun grao igual ou superior ao 65%.
  • Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a data de publicación desta resolución (19/04/2010).
  • Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.

Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen en cómputo global, o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), fixado para o ano 2010 en 532,51€ mensuais, e relativos á renda per cápita da unidade familiar.

  • Carecer de bens mobles e/ou inmobles cuxo valor supere o límite de 15.000€ máis 5.000 adicional por cada membro da unidade familiar.
  • Quedan excluídos/as das axudas desta resolución:
  1. Os/as beneficiarios /as de anteriores resolucións da Secretaría Xeral da Emigración de axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares.
  2. Os/as solicitantes que teñan bens patrimoniais (mobles e/ou inmobles), cuxo valor supere o límite de 15.000€ máis 5.000 adicional por cada membro da unidade familiar.

Prazo de presentación: O prazo de presentación das solicitudes será desde o 19/04/2010 ata o 30/09/2010.

Lugar de presentación:

As solicitudes dirixiranse á:

SECRETARÍA XERAL DA EMIGRACIÓN
SUBDIRECCIÓN XERAL DO RETORNO E DA INMIGRACIÓN
Rúa Basquiños, 2
15704 Santiago de Compostela.

Resolución: Resolución do 12 de abril de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.

Convocatoria: Diario Oficial de Galicia Nº72, Luns 19 de Abril de 2010.

Promovido por: Secretaria Xeral da Emigración

Ano: 2010

Documentación:Formulario de solicitude

Permite cubrir os datos directamente sobre o formulario e a continuación imprimir o documento. Nota: Se gardas o documento perderanse todolos cambios realizados.