Xesús San Luís Romero

O zapateiro poeta
Xesús San Luís Romero

De formación basicamente autodidacta, as primeiras publicacións de San Luís Romero datan dos seus anos na emigración. En efecto, foi na prensa étnica de Bos Aires onde este autor bergantiñán comezou a publicar os seus poemas. Mantivo durante toda a súa vida o seu compromiso con Galicia e coa súa lingua.

Xesús San Luís Romero naceu en Carballo o 9 de setembro de 1872. Fillo de Francisco San Luís e Eugenio Romero, o seu pai tiña na casa un obradoiro de zapataría. Unha nenez enfermiza impediu que fora á escola até os 8 anos. Tras cursar os estudos primarios comezou a traballar como aprendiz de zapateiro. Afeccionado á lectura e ao teatro, participou como actor en varios obras.

En 1891 morreu súa nai e nese mesmo ano conseguiu librar de quintas por excedente de cupo. Decidiu seguir entón o camiño da emigración. Chegou á Arxentina a comezos de 1892. Comezou a traballar como operario e máis tarde foi cortador en varios fábricas de calzado. Intégrase decontado na actividade cultural da colonia galega, sendo asociado ao Orfeón Gallego e máis tarde no Orfeón Gallego Primitivo. En 1898 participou na recadación de fondos para regalar ao Goberno español o cruceiro Río de la Plata, con motivo da guerra cos Estados Unidos.

Foi colaborador do xornal El Eco de Galicia, onde empregou o alcume de "Un mozo bergantiñán". Pertenceu á xunta directiva do Orfeón Gallego de Bos Aires. O 23 de abril 1898 representou, no teatro do Orfeón Español, a comedia O xastre aproveitado, na cal o papel de protagonista foi representado polo propio autor. Neste mesmo local representaría o monólogo ¡Haz que se duerma, Dios mío!. Estreou tamén en Bos Aires o monólogo ¿Por qué me namorei?. En 1898 publicou en Bos Aires as revistas folclórico-musicais Unha noite no muíño, obra que representaría en 1959 en Santiago de Compostela, e A romaxe de San Campio. Finalmente, no mesmo 1898, daría ao prelo o monólogo No quinteiro. Xunto co mestre Hedigio Paz Hermo comezou a escribir a zarzuela Os netos do abó, aínda que esta obra quedou sen rematar. O 8 de setembro de 1900 casou con Manuela Iglesias Sampaio, natural de Lalín.

Regresou a Galicia en 1902 asentándose en Santiago de Compostela, onde abriu unha zapataría. En 1910 fíxose socio do Centro Republicano e publicou no xornal desta institución, La Defensa, o poema Chamada ôs caciques. Entre 1920 e 1930 foi tres veces presidente do Centro Republicano. En Compostela continuou tamén coa súa actividade de dramaturgo. Así, o 17 de xaneiro de 1918 estreou a peza O Fidalgo; esta peza ten por protagonista a un mozo da comarca de Bergantiños que loita contra o poder dos caciques na comarca de Bergantiños. O 23 de xaneiro de 1921 estreaba Rosiña. En 1928 publicaría o poema A volta do bergantiñán, na que conta o tráxico regreso dun emigrante. A súa obra Dúas estampas galegas foi premiada pola Casa de Galicia de Nova York.

En 1930 participou no Pacto de Lestrove, do que sairía a Federación Republicana Gallega. Foi elixido concelleiro nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, comicios que precipitaron a proclamación da II República en España. Máis tarde foi tenente de alcalde e alcalde accidental durante dous meses; pertenceu ás comisións de abastos e beneficencia. Foi presidente en Santiago do Partido Radical-Socialista. Co levantamento militar contra a República, primeiro foi multado e máis tarde, en 1937, encarcerado acusado de pertencer á masonaría. En 1940 saíu en libertade, pero en 1941, e en aplicación da lei de represión da masonaría e do comunismo, foi novamente encarcerado. Tras pasar por varias prisións, saíu en liberdade en 1944.

Faleceu en Santiago de Compostela o 23 de setembro de 1966.

En 1999 a Libraría Folllas Novas de Santiago de Compostela editou a obra Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas, escolma da poesía de San Luis publicada durante a súa emigración bonaerense. Esta mesma libraría publicou a súa obra Xenreira (Santiago de Compostela: Follas Novas, 2002).

Bibliografía: 

VILANOVA RODRÍGUEZ, ALBERTO: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 1.013

VV.AA: SUPLEMENTO GALLEGO DE EL DIARIO ESPAÑOL, 20 de maio de 1979, p. 14

SAN LUÍS ROMERO, XESÚS: O Fidalgo, ed. de Ediciós do Castro, Sada, 1986.

SAN LUÍS ROMERO, XESÚS: Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas, Santiago de Compostela: Follas Novas, 1999.

Fotografías

  • Cuberta O Fidalgo
  • Esceas
  • O Fidalgo

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2779 lecturas