Luis Otero Pimentel

Militar e escritor en Cuba
Luis Otero Pimentel

Otero Pimentel non foi un emigrante. A súa marcha a Cuba non estivo motivada por un desexo de mellorar unha situación social ou económica, senón polo feito de asumir un destino militar. Ora ben, a súa condición de galego e a súa estreita relación coa prensa galega da Habana, fan que teñamos que recoñecer a súa pegada na historia da emigración. Otero Pimentel foi, ademais, un dos principais prosistas en galego do século XIX, unha mostra máis da influencia americana na Galiza contemporánea.

Luis Otero Pimentel naceu no lugar de Outeiro, parroquia de San Salvador de Portodemouros (Vila de Cruces) o 3 de setembro de 1834. Aos catro anos queda orfo, pasando entón a vivir en Santiago de Compostela onda o seu tío Luis Pimentel. Ingresou como soldado voluntario no "Regimiento del Rey". Tras ascender a cabo segundo pasou ao Exército de Cuba.

Xa na illa foi destinado ao Batallón de Cazadores de Isabel II, no que permaneceu até 1869. Neste ano, sendo sarxento 1º graduado de alférez, integrouse na sección de arquivo da Capitanía Xeneral. Neste posto, ademais de na Comandancia Xeneral de Puerto Príncipe, pasou 18 anos. En 1876 publicou Memoria sobre los voluntarios de la isla de Cuba: consideraciones relativas a su pasado, su presente y su porvenir. Logo de regresar a España por un tempo, no que ocupou diversos destinos, volveu a Cuba en 1890. Durante a segunda guerra de independencia de Cuba (1895-1898) acadaría o grao de tenente coronel. Foi tamén autor de Apuntes de la gran romería de San Cristobal celebrada en el año 1883 (A Habana: Celestino Fernández y Cia., 1883).

Socio fundador do Casino Español, do Centro Gallego e da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. En 1894 deu ao prelo o libro Reflejos de la vida militar. Desempeñou, entre outros, o cargo de gobernador de Manzanillo (daquela na provincia de Oriente, hoxe na provincia de Granma). Tivo tamén unha importante actividade literaria baixo o pseudónimo de "Xan de Outeiro".

A súa obra máis destacada foi A campaña de Caprecórneca, novela publicada por entregas no semanario Follas Novas en 1897. A obra publicaríase nun volumen en 1898. Esta novela é unha narración chea de elementos costumistas e folclóricos, na que o autor emprega unha linguaxe que identifica a súa comarca natal, da cal aparecen citados tamén algúns topónimos. A campaña da Caprecóneca foi reeditada pola Editorial Galaxia en 1994, dentro da súa colección “Narrativa de onte”.

En 1898 publicou Mirando ó Ceo, colección de octavas en galego. En 1904 publicaría a peza Camiño de Santiago: comedia sobre costumbres gallegas en dous actos e tres cuadros. En 1886 publicou Semblanzas caballerescas o las nuevas aventuras de don Quijote de la Mancha, editada na Tipografía de El Eco Militar.

Era "Benemérito de la Patria", título obtido polos funcionarios que emprestaban relevantes servizos os Estado. Socio correspondente da Sociedade Xeográfica de Lisboa, Cabaleiro dúas veces de 1ª Clase do Mérito Militar. Estaba en posesión da cruz e placa de San Hermenegildo. Tras a independencia de Cuba instalouse en Cádiz. Nesta cidade andaluza publicou: En honor de Galicia: estudio sobre el problema de la enseñanza y emigración (Cadiz: Imp. De la Revista Médica de Federico Joly y Cia., 1907) e Madre ejemplar: comedia en cuatro actos sobre costumbres gallegas en prosa y versos gallegos y castellanos (Cadiz: Tip. Comercial, 1914). Finou en Cadiz en 1920.

Bibliografía: 

VV.AA.; GALICIA MODERNA, nº 52, 25/04/1886, p. 6

VV.AA.: EL ECO DE GALICIA, nº 849, 01/10/1898, p. 6

VV.AA.: GALICIA, 03/07/1904, ano III, p. 1

NEIRA VILAS, XOSé: O sarillo do tempo, Vigo: Xerais, 2004, p. 109-110.

Documentación asociada
Documentación asociada
Un capitulo da novela "campaña da caprecorneca"88.89 KB
Xan de masma reseña a campaña da caprecorneca93.47 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2481 lecturas